publicidade hoxe

A capacidade da agricultura ecolóxica para medrar acredita que no rural galego hai lugar para o emprendemento e as novas xeracións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMesía
A-
A+
O presidente da Xunta na entrega dos premios do proxecto Cultiva Mazás. Foto: C. Paz

O presidente da Xunta na entrega dos premios do proxecto Cultiva Mazás. Foto: C. Paz

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, durante a entrega de premios do proxecto Cultiva mazás 2016, na Casa Grande de Xanceda, que a gran capacidade da agricultura ecolóxica para crecer acredita que no rural galego hai lugar para o emprendemento e hai futuro para as novas xeracións. “Na agricultura e na gandaría de Galicia hai lugar para o emprendemento. Ou o que é o mesmo: hai futuro para as novas xeracións”, aseverou, incidindo en que non cabe dúbida de que parte dese futuro pasa hoxe en día polas explotacións ecolóxicas; un eido que, destacou, ofrece enormes posibilidades e variedades para achegar ao mercado e ao consumidor final un produto da máxima calidade.

Nesta liña, lembrou que os datos de 2015 do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia poñen de manifesto que estamos a falar dun ámbito en pleno crecemento: a superficie inscrita o pasado ano baixo esta denominación foi de máis de 20.300 hectáreas, o que supón un incremento do 33% con respecto a 2014; o crecemento no número de produtores rexistrados alcanzou un 13%; no número de elaboradores, importadores e comercializadores, o aumento foi dun 15%; e, polo tanto, o total de operadores inscritos en 2015 chegou aos 721, dos cales 558 son produtores e 163 elaboradores.

Así mesmo, referiuse á Casa Grande de Xanceda como un exemplo de explotación ecolóxica de vacún de leite, cunha extensión próxima as 175 hectáreas, con máis de 380 reses, e especializada na elaboración de iogures, manteiga, queixo e leite ecolóxicos.

O responsable autonómico garantiu o compromiso da Xunta para seguir traballando co rural galego, para que sexa sinónimo de innovación e para aumentar a competitividade das pemes asentadas no rural e da industria agroalimentaria.

Así, resaltou que este ano foron 757 mozos os que solicitaron axudas para iniciar unha actividade agraria –máis do triplo que as rexistradas en 2015-; ”e deseñamos un plan de impostos cero no rural para as transaccións de compra, venda ou permuta de terreos”, engadiu.

E, por último, destacou tamén a aprobación esta semana, no Consello da Xunta, dun paquete de axudas directas por valor de 25 millóns de euros para robustecer a industria láctea, cárnica e hortofrutícola de Galicia. “Axudas que mobilizarán preto de 70 millóns de euros de investimento, xa que con elas financiaremos o desenvolvemento de 28 proxectos de investimentos na industria láctea galega, 10 no sector cárnico, 7 no eido hortofrutícola e 14 proxectos máis en ámbitos como a elaboración de pensos, mel, augardente ou o procesado de ovos”, precisou.

17 de xuño de 2016 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.