publicidade hoxe

A Cañiza, Arbo e Crecente contarán cun obradoiro de emprego de albanelería e forestal-xardinería

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CañizaArboCrecente
A-
A+
Cores Tourís na reunión cos alcaldes de Arbo, A Cañiza e Crecente

Cores Tourís na reunión cos alcaldes de Arbo, A Cañiza e Crecente

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá unha reunión cos alcaldes de A Cañiza, Miguel Adolfo Domínguez, o alcalde de Arbo, Horacio Gómez, e o concelleiro de Crecente, José Luis Fernández, aos que anunciou a concesión dun novo obradoiro de emprego dedicado a albanelería e forestal-xardinería que beneficiará a 20 veciños desempregados destes tres municipios.

Os rexedores agradeceron que a administración autonómica tivera en conta o proxecto conxunto presentado por estes tres concellos que “permitirá executar poñer en marcha obras como o acondicionamento de fontes e lavadoiros, de espazos públicos e xardíns así como de instalacións e edificacións. Tamén se levará a cabo labores de roza, limpeza forestal e acondicionamiento de estradas e pistas e o drenaxe nos xardíns da gardería municipal da Cañiza”. Outra das actividades previstas neste obradoiro será a eliminación de barreiras arquitectónicas en espazos públicos, beirarrúas e accesos a edificacións.
Miguel Adolfo Domínguez destacou que este será o terceiro obradoiro co que conte A Cañiza, “o segundo que fai en colaboración con outro concello. O ano pasado foi co de Crecente, e o éxito acadado animounos a solicitar outra iniciativa deste tipo, á que se sumou esta vez o concello de Arbo”.

Pola súa banda, Horacio Gómez destacou que grazas aos traballos que van a realizar os alumnos poderase dignificar as zonas axardinadas, “xa que moitas delas supoñen a porta de entrada para o concello ou os sendeiros tanto do entorno do río Miño e das pesqueiras, elemento emblemático e patrimonial de Arbo”.

O obradoiro, denominado “A Paradanta”, terá unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta investirá case 180.000 euros, “que coa aportación a maiores do concello en materiais chegará a superar os 250.000 euros”, explicou Cores Tourís.

O delegado territorial mostrou a súa satisfacción por poder avanzar que estes concellos obtiveron este obradoiro de emprego que ten “un obxectivo claro: dar formación a persoas desempregadas para que logren reinsertarse laboralmente. De feito, as persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibirán o Salario Mínimo Interprofesional durante os meses que participasen nestes proxectos”.

Durante o periodo de formación a Xunta financiará o salario dos participantes e a súa contribución á Seguridade Social, así como o dos docentes e o dos administrativos que xestionen o proxecto. Pola súa banda, os concellos encargaranse da organización directa dos cursos, a selección dos profesionais que os levarán a cabo e a relación cos participantes. Isto pon de relevancia, tal e como subliñou o delegado, “a importancia da colaboración entre institucións, en especial neste caso que se trata dunha iniciativa consorciada por tres municipios”.

Cores Tourís tamén aproveitou para destacar o “manifesto claro de colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para intentar que o obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”.

‘Compromiso Social II’ de Ponteareas

Por outra banda, o delegado territorial tamén destacou que na comarca do Condado-A Paradanta viuse tamén beneficiado o concello de Ponteareas pola posta en marcha desta iniciativa destinada a loita contra o desemprego.

De feito, Ponteareas contará cun obradoiro denominado ‘Compromiso Social II’ que será subvencionado pola consellería de Economía, Emprego e Industria, con 180.000 euros e estará destinado a atención sociosanitaria en domicilio e albanelería. Este obradoiro contará con 20 alumnos desempregados e permitirá poñer en marcha traballos de rehabilitación tanto no parque da Concordia como nos números 5 e 13 da rúa dos Maestros.

En total, a provincia de Pontevedra contará con 29 obradoiros, 21 dos cales están a ser notificados nestes días aos concellos beneficiados. “Cinco destas iniciativas corresponderán a obradoiros para menores de 25 anos que xa, o ano pasado, tiveron unha moi boa acollida”, engadiu Cores Tourís.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano máis de 18 millóns de euros aos obradoiros de emprego, incluíndo esta cantidade unha liña de apoio específica aos menores de 30 anos para mellorar a súa inserción laboral. Estes programas mixtos de formación e emprego, que permiten acceder aos certificados de profesionalidade, beneficiarán a preto de 2.000 desempregados.

8 de xuño de 2016 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.