A ampliación do CEIP de Navia está paralizada pola falta de terreos que ten que ceder o concello de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Vigo falou esta mañá, en rolda de prensa, do proxecto de ampliación de CEIP Alfonso Rodríguez Castelao de Navia. “Para poder executar esta ampliación o que fai falla son os terreos, que neste momento están en posesión do Concello de Vigo”, explicou López-Chaves. A este respecto solicitou ao alcalde da cidade, Abel Caballero, a documentación necesaria para continuar co procedemento e firmar canto antes o convenio de colaboración.

Dentro da documentación requirida solicítase a posta a disposición dos terreos, requisito necesario para poder formalizar o acordo de cooperación entre Consellería e Concello. Ditos informes xa se pediron dende o departamento que dirixe o conselleiro Román Rodríguez fai máis de 4 meses e, coma lembrou o delegado, reiterouse nunha visita do conselleiro á cidade olívica no mes de abril.

López-Chaves insistiu hoxe na necesidade de continuar coa tramitación para ampliar o centro educativo. Os datos así o xustifican xa que a Consellería ten constancia dun aumento do 25% da poboación escolar do entorno así coma unha previsión de crecemento futuro. “Ante iso a Xunta cre que é lóxico aumentar a oferta educativa”, aclarou. A actuación neste CEIP permitirá ampliar a súa capacidade de unha liña por curso escolar a 3, polo que crearanse 450 novas prazas, cun orzamento de máis de 3,5 millóns de euros.

A obra suporá a demolición da cuberta para posibilitar a ampliación do edificio existente en 1.434,90 m² para 11 aulas –9 delas polivalentes, 1 de música e outra de informática– de educación primaria e 7 de apoio. Por outra banda construirase un novo módulo independente de educación infantil, con 9 aulas con aseos incorporados, sala polivalente, 3 aulas de desdobre, espazos comúns e instalacións.

En canto se remita o acordo de posta a disposición dos terreos por parte do Concello e se asine o convenio de colaboración, a Consellería licitará as obras. Este trámite xa podería terse realizado se xa se contase coa documentación solicitada ao Concello hai máis de 4 meses, o que cualificou López-Chaves como “un retraso grave na tramitación do expediente”.

O delegado territorial da Xunta criticou tamén que o “prexuízo fundamental é para a poboación de Navia”. “A Xunta ten un presuposto, quere ampliar o colexio e sabe que é unha necesidade e non o podemos facer porque dende o Concello de Vigo non asinaron o acordo e firma do convenio”, destacou. O obxectivo inicial é que o proxecto estivese listo para o inicio do novo curso e as obras licitadas a finais de ano pero, coma finalizou López-Chaves, “o Concello aínda non entregou os terreos”.

20 de xuño de 2016 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.