A Agadic apoia o I Atlantic Fest da Illa de Arousa coa organización do mercado discográfico GalicianTunes
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora co Atlantic Fest, que celebrará a súa primeira edición do 1 ao 3 de xullo na Illa de Arousa, a través da organización conxunta do mercado discográfico GalicianTunes, un espazo profesional que formará parte do programa de actividades deste novo festival musical.
Artistas internacionais como José González, Tindersticks, Nacho Vegas, Be Forest ou Álex Cooper, ademais dos galegos Xoel Gómez, Malandrómena e Bala, entre outros, conforman a carteleira de concertos preparada para este certame, que nace coa filosofía de combinar música e cultura coa paisaxe e cos atractivos turísticos da Illa de Arousa.
Así, cunha oferta de actividades que se estende, ademais do escenario principal da praia do Bao, ao auditorio municipal, ás tabernas da illa ou mesmo á praza de abastos, a empresa organizadora, New Live Producciones, propón un evento capaz de atraer a públicos de todas as idades, con especial atención ás familias, a través dun programa que prima o deseño e a localización especial de cada recital para conseguir experiencias únicas.
O programa completo e os obxectivos do Atlantic Fest foron presentados nun acto que tivo lugar a bordo dun barco pesqueiro, en plena ría. Alí se reuniu a dirección do festival, con Antonio Caneda á fronte, cos representantes das principais institucións e firmas comerciais patrocinadoras: o Concello da Illa de Arousa, a Deputación Provincial de Pontevedra, a Consellería de Cultura e Educación, Turismo Rías Baixas, Galicia Calidade, Movistar e Estrella de Galicia.
Alianza para o sector musical galego
O director da Agadic, Jacobo Sutil, explicou a alianza coordinada entre o Atlantic Fest e a marca GalicianTunes para a promoción, sobre todo exterior, da música galega, e que actualmente ofrece na web www.galiciantunes.com referencias de 1.330 vídeos musicais galegos, 850 discos, 23 festivais e 334 artistas e grupos.
Os contidos e os requirimentos para formar parte desta plataforma dixital serán difundidos tamén desde o propio mercado, instalado nunha carpa que se completará con expositores ocupados por selos discográficos e por empresas do sector musical galego. Haberá lugar, así mesmo, para un programa de charlas e coloquios e mesmo concertos en formato showcase de recoñecidos intérpretes galegos, como Xoán Curiel ou Silvia Penide.