A AECT celebra a ‘I Xornada Transfronteiriza de Refexión sobre o Turismo na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal’ en Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorLocal PortadaVigo
A-
A+
Jesús Gamallo, Ignacio López-Chaves, Melchior Moreira, Rafael Sánchez e Emídio Gomes na xornada

Jesús Gamallo, Ignacio López-Chaves, Melchior Moreira, Rafael Sánchez e Emídio Gomes na xornada

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, participaron esta mañá na I Xornada Transfronteiriza de Reflexión sobre o Turismo na Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal.

A xornada está promovida pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal (GNP, AECT) e contou tamén coa presenza do o presidente da CCDR-N, Emídio Gomes, o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e o presidente de turismo de Oporto e do Norte de Portugal (TPNP), Melchior Moreira.

Esta primeira xornada tiña como obxectivo debater as áreas prioritarias de intervención no sector do turismo na Eurorrexión; identificar potenciais sinerxías para o desenvolvemento de accións conxuntas entre as dúas entidades rexionais de turismo e as asociacións sectoriais; sinalizar oportunidades de negocio que poidan favorecer alianzas luso-galaicas; e abordar estratexias de promoción e divulgación para o futuro do turismo na Eurorrexión.

De feito, na primeira sesión de traballo sobre a importancia do sector turístico para a Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal o primeiro interventor foi Rafael Sánchez que destacou a importancia do Camiño de Santiago como “elemento estruturador da identidade europea”. Tamén informou da necesidade de conservación dos valores esenciais do camiño e do patrimonio, a necesidade de garantir a excelencia na experiencia do peregrino e a contribución do camiño á Marca Galicia.

Na súa intervención, López-Chaves, delegado territorial da Xunta en Vigo, indicou que o aumento do tráfico de turistas na rexión pon de manifesto a colaboración entre Vigo e Porto e resaltou que “a proximidade permite presentar propostas en conxunto”. Ademais destacou a “evidente aposta” da Xunta pola Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, necesaria para poder participar en proxectos europeos de crecemento e produtividade.
Melchior Moreira, presidente do TPNP, falou de destinos complementarios, “non podemos pensar en termos individuais” dixo, a colaboración transfronteiriza é necesaria para a consolidación do mercado. Finalmente, Emídio Gomes, presidente da CCDR–N destacou a unión das rexións, “a cultura e a historia é algo que nos une, somos o mesmo pobo” declarou. Falou tamén da importancia do traballo en conxunto e da “proatividade”.

O encontro foi resultado do Memorando de Entendemento que asinou o ano pasado a AECT coa Axencia de Turismo de Galicia e a Entidade Rexional de Turismo do Porto e Norte de Portugal. Este acordo determina a realización de accións conxuntas en diferentes áreas de interese común que favorezan unha mellor comprensión entre os dous países, pero que tamén potencie alén das fronteiras a riqueza e a diversidade turística da Eurorrexión.

A xornada ía dirixida fundamentalmente a xornalistas e profesionais de comunicación social, operadores turísticos e representantes da Administración Local e de asociacións vinculadas ao sector do turismo. As sesións de traballo centraranse en dous eixes estruturais: o Turismo de Natureza e a Gastronomía e Viños.

Turismo en Portugal

Portugal é o principal mercado emisor internacional da Comunidade galega. Con máis de 180.000 viaxeiros aloxados nos establecementos regrados de Galicia e preto de 320.000 noites o mercado portugués representou no pasado ano o 15,5 por cento do total do turismo internacional da Comunidade.

En 2015 este mercado superou nun 14 por cento os niveis de demanda do anterior ano 2014. No que respecta a este ano 2016, no conxunto dos dous primeiros meses, o mercado portugués representou o 24 por cento do total da demanda.

9 de xuño de 2016 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.