publicidade hoxe

A aceleradora de Ferrol reforzará a cultura emprendedora e a creación de emprego de calidade na comarca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Francisco Conde na visita ao CIS Galicia

Francisco Conde na visita ao CIS Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá o CIS Galicia, onde se porá en marcha a nova aceleradora de emprendemento de Ferrol o próximo mes de setembro. O proxecto, impulsado polo Igape e a Escuela de Organización Industrial (EOI), axudará a fomentar a cultura emprendedora e a creación de novas empresas e de emprego estable e de calidade na comarca.

O novo espazo coworking formará e asesorará de maneira gratuíta a 250 emprendedores da comarca de Ferrolterra, o que favorecerá que se incrementen as posibilidades de éxito das iniciativas empresariais dos participantes. Neste sentido, Conde destacou que os interesados poderán presentar, a partir do próximo mércores 15 de xuño, as súas propostas para participar na primeira edición da aceleradora de Ferrol, unha convocatoria pública que permanecerá aberta durante un mes.

A nova ferramenta de emprendemento deseñada pola Xunta coa colaboración da EOI enmárcanse dentro da actuación que permitirá a apertura e mantemento de seis novas aceleradoras de emprendemento en Galicia e que beneficiarán a arredor de 1.500 persoas con vocación empresarial. Ademais do coworking de Ferrol, a provincia da Coruña contará cun segudo espazo de empredemento en Cabana de Bergantiños. As outras catro aceleradoras que empezarán a funcionar en setembro en Galicia ubicaranse en Celanova, Xinzo de Limia, Monforte e Mondoñedo.

Durante os dous próximos anos, en Ferrol celebraranse catro convocatorias e, en cada unha delas, poderán participar entre 16 e 22 proxectos formados por un máximo de tres persoas por iniciativa que asistirán a 12 talleres formativos para adquirir competencias no eido do emprendemento e a xestión de proxectos.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria destacou a elección do CIS Galicia como sede do espazo coworking de Ferrol, pois se trata dunha instalación que achega os centros tecnolóxicos e de coñecemento ás pemes galegas, ademais de ser a panca que contribúe á reinvención de sectores estratéxicos para a comarca, como o naval. Ademais, o campus de Ferrol está apostando pola especialización dos universitarios e o seu emprendemento industrial, polo que a aceleradora servirá para dar continuidade ao esforzo da Universidade para impulsar a cultura emprendedora.

Francisco Conde animou aos emprendedores da comarca a participar nesta nova iniciativa que serve de complemento a outros proxectos impulsados para favorecer o emprendemento e a creación de emprego, o que permitiu que no último ano Ferrol sexa a segunda cidade galega onde máis se reduciu o paro, cun descenso do 7,8% segundo os datos de maio deste ano con respecto ao mesmo mes de 2015.

O conselleiro puxo como exemplo os servizos de apoio que o CIS Galicia presta ao tecido empresarial co testado e a aplicación da realidade virtual e aumentada; a Unidade Galicia Emprende, que facilitou a creación de 186 empresas; a plataforma Doing Business, creada para suprimir barreiras administrativas e permitir un contacto máis directo entre o sector empresarial e a administración; ou as Unidades de Formación que a Xunta está activando para atender as necesidades de capacitación dos cadros de persoal das compañías en sectores onde Ferrol é un referente, como a adaptación ao Naval 4.0.

13 de xuño de 2016 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.