Xunta, Obra Social la Caixa e Concello de Pontevedra colaboran nun proxecto conxunto para loitar contra a pobreza infantil

Rey Varela presentou o proxecto xunto ao alcalde de Pontevedra e o representante de la Caixa
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o director corporativo da área Social da Fundación Bancaria la Caixa, Marc Simón; e o director territorial de CaixaBank en Galicia, Marc Benhamou, presentaron un proxecto para loitar contra a pobreza infantil en Pontevedra. Esta colaboración concrétase no desenvolvemento conxunto de CaixaProinfancia, o programa de atención á infancia en situación de pobreza e exclusión da Obra Social la Caixa. O proxecto diríxese a familias con nenos e mozos de entre 0 e 18 anos en situación de vulnerabilidade. A presentación desta iniciativa tamén contou coa asistencia do director xeral de Inclusión, Arturo Parrado. “Imos a comezar con 50 familias, con 75.000 euros anuais en tres anos pero a idea é que este proxecto vaia a máis e que se incardine dentro das políticas comúns que temos as administracións para as persoas que peor o están pasando”.
O conselleiro de Política Social salientou a importancia da colaboración entre administracións para que “as políticas sociais cheguen ás persoas e familias con menos recursos e máis vulnerables”. Tras enxalzar o valor da participación de entidades como La Caixa neste obxectivo común, Rey Varela manifestou que desde a Xunta de Galicia “estamos a traballar con entidades sociais, concellos e deputacións para pechar máis medidas, aparte das xa existentes, que dean resposta ás necesidades das persoas que peor o están a pasar”. “Trátase de poñer en común unha nova Axenda Social”, engadiu, “unha Axenda Social que permite que se canalicen mellor os recursos de todos os galegos para atender ás persoas que peor o están pasando”. O responsable da área social destacou tamén o incremento do 12% dos orzamentos da Xunta destinados a políticas sociais para este ano 2016 que permite que a Consellería desenvolva medidas de calado neste eido como o Plan contra a Desigualdade Económica, participado por varias Consellerías e con iniciativas como o tícket eléctrico, axudas para a compra de material escolar ou o programa Reconduce; así como a nova Estratexia Galega para a Infancia e a Adolescencia 2016-2020, xa aprobada inicialmente e nestes momentos están en estudo as achegas presentadas polas entidades.
A través deste proxecto a Consellería de Política Social, a obra social la Caixa e o Concello de Pontevedra identificarán e analizarán conxuntamente a distribución territorial das situacións de vulnerabilidade social e de risco de exclusión que afectan a un número considerable de menores e familias do municipio. Estas situacións requiren, máis aló da atención a necesidades puntuais, dunha formulación global de actuación que incida de forma integral na transformación e mellora da realidade da infancia e das familias. Nesta liña, definirase unha proposta de servizos conxunta que permita responder as necesidades dos e das menores e das súas familias e optimizar os recursos económicos públicos e privados que se dotan para estes efectos.
Así tamén impulsarase o traballo en rede, como mellor resposta organizativa para o desenvolvemento da acción social, aproveitando os recursos públicos e privados existentes no territorio e os proxectos de actuación de carácter innovador que poidan ser facilitados por entidades colaboradoras especializadas nos servizos e recursos contemplados en CaixaProinfancia.
Promoción socioeducativa
CaixaProinfancia busca romper a liña de transmisión da pobreza de pais a fillos e fomentar a igualdade de oportunidades. O programa diríxese á infancia en situación de pobreza económica e vulnerabilidade social, co fin de promover e apoiar o seu desenvolvemento de forma integral, favorecendo e apoiando para iso as políticas de mellora da equidade e a cohesión social.
Un dos obxectivos fundamentais de CaixaProinfancia é garantir a promoción socioeducativa do menor, entendendo que desta dependerá, en boa medida, o seu benestar futuro. Iso concrétase no desenvolvemento de cinco grandes liñas de traballo como son o reforzo educativo, a educación non formal e tempo libre, o apoio educativo familiar, a atención e terapia psicosocial e o promoción da saúde.
A Obra Social la Caixa tamén traballa para contribuír a mellorar a renda familiar, facilitando o acceso a bens básicos (alimentación, produtos de hixiene, equipamento escolar, lentes e audífonos). O proxecto despregarase noutros seis municipios galegos: Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ferrol, Ourense e Vigo. A Obra Social la Caixa destinará 500.000 euros anuais ao desenvolvemento de CaixaProinfancia en Galicia.











