Xunta e concello de Ourense coordinan as actuacións para a posta en marcha do programa de vivendas baleiras na cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
O director do IGVS na reunión cos edís de Ourense

O director do IGVS na reunión cos edís de Ourense

A Xunta e o Concello de Ourense están xa a coordinar as actuacións necesarias para a posta en marcha de forma efectiva do Programa de Vivendas Baleiras. Con ese fin, o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García Porto, mantivo hoxe unha reunión cos concelleiros de Servizos Sociais e Urbanismo do concello de Ourense, Sofía Godoy e José Cudeiro, respectivamente, co obxectivo de explicarlles o funcionamento desta iniciativa, e do resto de medidas postas en marcha pola Goberno galego os desafiuzamentos e paliar os seus efectos.

O concello de Ourense foi o primeiro de Galicia en solicitar a adhesión a este programa e, coa reunión informativa de hoxe, o municipio poderá poñer en marcha os mecanismos de captación de vivendas baleiras para a súa inclusión no programa do Executivo autonómico, unha vez que se asine o correspondente acordo entre o IGVS e o concello, adheríndose este último ao convenio asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Ata o momento xa son oito os municipio que solicitaron formalmente a adhesión ao Programa de Vivendas Baleiras e outros 14 concellos solicitaron información previa á súa solicitude de adhesión ao convenio. As vivendas que se incorporen a este programa estarán aseguradas pola Xunta e sen custe para os propietarios, co que terán as seguintes coberturas:

1. Un seguro multirrisco do fogar, polo que quedarán cubertos todos aqueles danos sufridos pola vivenda durante a vixencia do arrendamento.

2. Un seguro da garantía do cobro da renda nas mensualidades impagadas polos arrendatarios e a asistencia e defensa xurídica dos arrendadores nos procesos de desafiuzamento ou reclamacións de cantidade por impago de rendas, que inclúa como mínimo os honorarios de avogado e dereitos e suplidos de procurador, cando a súa intervención sexa preceptiva, gastos notariais e de outorgamento de poderes para preitos e gastos de execución procesual.

Estas coberturas serán efectivas durante o tempo en que as vivendas permanezan arrendadas ao abeiro deste programa.

Os concellos adheridos proporán ao IGVS a incorporación dos inmobles ao programa de vivendas baleiras da súa propiedade ou de terceiros, sempre que estean libres de cargas e gravames, que impidan o seu arrendamento; ser conformes coa lexislación que lle sexa de aplicación, incluída a urbanística; estar desocupadas e ser susceptibles de uso, cando menos, desde o momento da solicitude de incorporación ao programa.

Colectivos preferentes
Terán preferencia na adxudicación das vivendas deste programa as persoas dun dos seguintes colectivos:

a) Unidades familiares ou de convivencia afectadas por procedementos de execución hipotecaria, sen necesidade de que exista unha resolución xudicial de finalización do citado procedemento xudicial.

b) Unidades familiares ou de convivencia afectadas por un procedemento xudicial de desafiuzamento por impago de rendas da súa vivenda habitual.

c) Unidades familiares ou unidades de convivencia con fillos menores, así como familias numerosas e familias monoparentais con fillos a cargo.

d) Unidades familiares ou de convivencia nos que existan mulleres vítimas de violencia de xénero.

e) Unidades familiares ou de convivencia nos que existan persoas maiores de 65 anos ou persoas dependentes.

f) Unidades familiares ou de convivencia nas que existan persoas que foran beneficiarias de axudas ao aluguer de programas xestionados polo IGVS e que, unha vez vencido o período máximo de percepción das mesmas, permanezan nunha situación de desprotección ou especial vulnerabilidade.

g) Unidades familiares ou de convivencia con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda e que foran privadas da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.

24 de maio de 2016 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.