Xunta e concello de Boborás avanzan na aprobación definitiva do PXOM que a orde de 2011 deixou en suspenso
A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas recibiu ao alcalde do concello de Boborás, Cipriano Castro, co fin de axilizar a aprobación definitiva das áreas de expansión de diversos núcleos rurais que quedaron en suspenso na Orde de aprobación definitiva parcial do PXOM do 19 de xuño de 2011.
O alcalde, acompañado dos técnicos municipais, trasladoulle á secretaria xeral que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil vén de dar luz verde ás delimitacións das áreas de expansión dunha serie de núcleos rurais, que no seu día quedaron en suspenso polas diverxencias relativas á falla de grafado das canles dos ríos. Unha vez que esta cuestión foi subsanada, permitirá completar a Orde do plan xeral e proceder á aprobación definitiva da totalidade do termo municipal.
A secretaria xeral ofreceu ao alcalde o apoio técnico para axilizar este trámites e recordou a achega económica coa que xa contou a redacción deste plan xeral de ordenación municipal, que ascendeu a máis de 166.000 euros.
Neste encontro, a secretaria xeral de Ordenación tamén lle explicou ao alcalde e os técnicos municipais as novidades da nova Lei do Solo 2/2016 do Solo de Galicia, respecto á mellora estética das edificacións dos núcleos rurais.