Videopoemas, photocall e obradoiros da Deputación da Coruña no Día das Letras Galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Photocall, videopoemas e obradoiros participativos e divulgativos arredor da figura de Manuel María centran o programa para o Día das Letras Galegas que promove a área de Cultura da Deputación da Coruña. A rúa e a rede son algúns dos escenarios desta proposta de poesía expandida, videopoesía e divulgación que a vicepresidenta Goretti Sanmartín acompañada de Saleta Goi presentaron no establecemento que ocupaba o espazo do café en que Manuel María mantiña a súa tertulia diaria na Coruña.

Durante anos, case desde o inicio da súa estadía na Coruña, cidade en que finou, o escritor Manuel María mantivo unha tertulia no xa desaparecido café Kirss. Foi o espazo escollido pola área de Cultura da Deputación da Coruña para presentar a súa programación específica de cara ao Día das Letras Galegas nun acto en que participaron a vicepresidenta e responsábel do departamento, Goretti Sanmartín, canda a presidenta da Fundación Manuel María, Saleta Goi.

Escritor de faladoiros, de tertulias tradicionais demoradas en que a conversa era a protagonista, a programación preparada pola Deputación da Coruña céntrase, de maneira especial, neses novos espazos de encontro que son as redes sociais, acaídos para a difusión da súa obra e a súa figura entre a xente nova.

“Trátase dun espazo emblemático para el, o encontro do café que tomamos como referencia para ese outro encontro que promovemos a través do programa preparado pola Deputación da Coruña para conmemorar un escritor inmenso”, dixo Goretti Sanmartín no café en que se presentou a programación.

A responsábel da área de cultura explicou que a Deputación da Coruña lanza un programa de actividades para a celebración da obra de Manuel María con actos multidisciplinares, didácticos, divulgativos e participativos. O obxectivo é achegar a vida e obra de Manuel María ao publico de xeito atractivo, próximo e lúdico. Preténdese traballar a poesía expandida, a videopoesía e a conexión coa cidadanía. Para iso, as actividades realizaranse na rúa, en espazos da Deputación, e na rede.

Das tertulias á rede

“Queremos contribuír a difundir e divulgar a obra e a figura de Manuel María en especial entre a xente nova, cos soportes e fórmulas do seu gusto. O programa que preparamos desde a Deputación da Coruña busca facer partícipe á xente da conmemoración, darlle un papel activo en iniciativas atractivas por iso privilexiamos a rúa e as redes como escenarios das distintas iniciativas”, sinala a responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín, quen destacou tamén que a Deputación da Coruña repartiu nas bibliotecas municipais dos concellos da provincia libros de Manuel María para dotar os fondos para a lectura colectiva. “Queremos tamén facer un chamamento aos concellos para que fagan actividades e conmemoren esta celebración que, a través da figura de Manuel María quere convidar as novas xeracións a seguir creando”, engadiu.

A presidenta da Fundación Manuel María, Saleta Goi, agradeceu na súa intervención á Deputación da Coruña a difusión da obra e a figura de Manuel María e pediu “concienciar para que todos os puntais deste país, como o mapa de Fontán se vexan no seu conxunto, que se valoren”. Agradeceu tamén “a todo o país” a resposta que está a ter a homenaxe deste ano a Manuel María, un escritor que, como destacou, “tamén estivo sempre con este país”.
Arredor da figura de Manuel María, a área de Cultura da Deputación da Coruña desenvolverá as seguintes actividades:

Videopoema documental:

Producirase unha peza documental experimental en clave de videopoesía e formato curto, dirixida por DSK (Juan Lesta e Belén Montero), con música de Koroiev. Nela, explorarase a vida e obra de Manuel María con intencionalidade divulgativa e artística, empregando textos do poeta e colaboracións con persoas próximas. Manuel María falará de si.

Videopoema colectivo:

Partindo do poema “Galicia”, lanzarase unha convocatoria nas redes sociais para que cada persoa se grave recitando un fragmento (ou a súa totalidade) e comparta o clip co cancelo #OMeuManuelMaría. Durante a semana previa ao Día das Letras, recolleranse eses vídeos das redes e editarémolos de maneira que cada persoa participante recite un verso e, entre todas, o resultado sexa o poema enteiro. A estrea será online e na Biblioteca Provincial da Coruña.

Obradoiro de poesía e ilustración

O día 13 de maio, obradoiro infantil de poesía e ilustración sobre o poemario “As rúas do vento ceibe”, impartido por Celia Parra. Cunha duración de 3h, o obradoiro ten como obxectivo achegar a poesía de Manuel María á rapazada de maneira visual. Exploraranse exemplos de poesía visual, caligramas, acrósticos e collages. Cada participante ilustrará un poema da obra “As rúas do vento ceibe” e o resultado exporase na Biblioteca Provincial.

Photocall

Montaxe nas rúas de cinco vilas da provincia dun photocall coa imaxe gráfica da campaña, sobre a que facerse fotos suxeitando versos impresos de Manuel María.

O obxectivo desta acción é o de achegar á rúa, e, por tanto a toda a xente, os versos de Manuel María, para que poidan interactuar con eles e máis tarde compartilos na rede. Deste xeito, a acción ten reflexo no ámbito dixital, no analóxico, e aínda sendo un evento efémero deixa pegada no tempo en forma de fotografías.

Deseñarase un photocall coa imaxe gráfica do Día das Letras Galegas e situarase nos puntos máis concorridos de cinco localidades . O obxectivo é promover a interacción da cidadanía co photocall, de maneira que as persoas que pasen ao redor tiren fotos fronte ao photocall portando versos de Manuel María.

Á disposición do público haberá unha selección de 15-20 fragmentos de poemas de Manuel María dispostos en formato grande. A persoa encargada de fotografía tomará as fotos e subiraas ás redes. Tamén se repartirá un folleto informativo.

Os lugares escollidos son: A Coruña (Teatro Colón, Centro Ágora, Forum Metropolitano) Ames (Milladoiro. Praza Manuel Murguía) Carballo (Pazo da Cultura), Pontedeume (Rúa Real, fronte ao Concello) e Ribeira (Praza do Concello).

9 de maio de 2016 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.