Vázquez Almuiña presidiu no Hospital Universitario da Coruña o acto de benvida aos 84 novos residentes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Jesús Vázquez Almuiña no acto de benvida aos residentes. Foto: M. Fuentes

Jesús Vázquez Almuiña no acto de benvida aos residentes. Foto: M. Fuentes

“O primeiro que desexo é darvos o parabén por iniciar a residencia e agradecer que o fagades en Galicia, e nesta Xerencia de Xestión Integrada. Boa elección. É centro punteiro en formación, en asistencia e tamén en investigación”. Así o dixo hoxe o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no Hospital Universitario da Coruña, no acto de benvida aos 84 novos residentes que comezarán a súa formación.

“Co tempo e o esforzo de moitas persoas conseguiremos que cheguedes a ser grandes profesionais, faremos mellor o noso sistema sanitario e, en consecuencia, tamén, a atención aos nosos pacientes. Ides aprender moitas cousas, nada menos que unha especialidade sanitaria, e entre o que ides a coñecer, máis aló do meramente asistencial, está o feito de que as persoas teñen necesidade de sentirse coidadas”. Ademais, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego remarcou, nas súas verbas, a importancia de traballar todos de verdade como equipo.

Deulles as grazas polo que van a aportar, posto que son un estímulo para estar ao día, non só en asistencia, senón, tamén, en docencia e en investigación. Necesitamos o voso esforzo, vocación, entrega, entusiasmo e constancia.

Destacou que o noso sistema sanitario é un servizo no que se pode confiar. Conta con excelentes profesionais e soluciona problemas moi importantes en momentos difíciles na vida das persoas. Agora ides formar parte del. Contamos con vós, -subliñou-.

Finalmente, o conselleiro agradeceu a xenerosidade dos titores e colaboradores docentes que os acompañarán na súa formación, imprescindibles “para que sexades bos profesionais”. “En Galicia temos unha boa sanidade e iso se consigue grazas sobre todo aos nosos profesionais que son os responsables do seu adecuado funcionamento e da súa mellora continua”, concluíu Almuiña.

No acto estiveron presentes, así mesmo, o xerente de Xestión Integrada, Francisco Vilanova; e o presidente da Comisión de Docencia, Antón Fernández.

30 de maio de 2016 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.