Unha vintena de concellos da Coruña poderán optar ás axudas da Xunta para a posta en marcha dunha Casa Niño
Preto dunha vintena de concellos da provincia da Coruña poden optar a que se estableza neles unha Casa Niño. A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González ofrecía esta información nunha comparecencia ante os medios de comunicación na sede territorial da Xunta na Coruña na que explicou as principais novidades da orde que regula a concesión de axudas para a posta en marcha deste recurso. A titular autonómica destacou que este programa proporcionará 150 novas prazas de atención continuada para nenos e nenas de 0 a 3 anos de idade en concellos de menos de 5.000 habitantes nos que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia.
As Casas Niño son un recurso orientado a atender as necesidades de conciliación das familias e favorecer a igualdade no acceso aos servizos con independencia do lugar de residencia. A Consellería de Política Social é a impulsora desta iniciativa piloto que se pon en marcha por primeira vez en Galicia e que conta con con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Amparo González explicou que cada Casa Niño atenderá un máximo de 5 nenos/as, de xeito flexible e con garantías de seguridade e calidade, dado que se esixe unha formación ou experiencia profesional específica e se impoñen requisitos e normas de seguridade nas casas. Estes fogares ofrecerán unha atención integral e personalizada con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna de luns a venres e as familias poderán levar aos nenos e nenas un máximo de oito horas diarias, nun horario que se pactará co/a profesional. A atención prestada comprenderá a atención específica das necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso de acordo coa idade e a contribución ao desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social do neno ou nena.
Beneficiarios das axudas
Segundo se recolle na convocatoria, poderán ser beneficiarias destas axudas para poñer en marcha unha Casa Niño as persoas físicas e as cooperativas de traballo asociado que estean en posesión ou conten cunha persoa socia co título de técnico/a superior en educación infantil, co grao en mestre/a de educación infantil ou primaria, grao en pedagoxía, psicoloxía ou educación social. Tamén poderán optar ás axudas aquelas persoas que posúan o diploma que acredite ter realizado o curso de formación integral ou o curso de formación complementaria para futuros/as profesionais das Casas Niño impartidos pola Xunta de Galicia, así como aquelas que presenten formación acreditada en áreas relacionadas coa atención á infancia e coidados infantís, ou experiencia profesional acreditada neste ámbito.
Por outra banda, quen concorra ás axudas, deberá residir nun núcleo rural no que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia de ata 3 anos de idade e contar cunha vivenda dotada con sistema de calefacción con protección dos elementos calefactores; unha sala con iluminación e ventilación naturais e un mínimo de 4 metros cadrados por menor; unha zona diferenciada para o descanso e a hixiene infantil e unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos; elementos de protección de enchufes, portas e ventás; e un mobiliario e equipamento básico para a atención das nenas e nenos. Ademais, deberán dispoñer dun plan de actuación cos nenos e nenas para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na Casa Niño.
As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva prestando atención, ademais de ao número de nenos e nenas que poderían beneficiarse do recurso, a factores como a dispersión xeográfica e ao envellecemento da poboación para contribuír á revitalización demográfica e á cohesión territorial. Así mesmo, para contribuír á integración laboral de persoas en situación de especial protección, recibirán unha puntuación adicional as persoas paradas de longa duración, as menores de 35 anos e maiores de 55 anos, as persoas con discapacidade igual ou superior ao 33% (sempre que esta sexa valorada como compatible co desempeño da actividade subvencionada polo órgano competente da Administración Autonómica), e as mulleres vítimas de violencia de xénero.
As persoas interesadas nesta convocatoria teñen de prazo un mes para presentar as solicitudes, a contar a partir do 24 de maio.
Orzamento
Esta convocatoria de axudas subvencionará a reforma e adaptación da vivenda destinada a servir de Casa Niño así como o seu equipamento e dotación material e a prestación da atención personalizada de nenos e nenas de 0-3 anos. As axudas para gastos de investimento consistirán nunha subvención de ata o 100% dos gastos elixibles, cun límite máximo global por Casa Niño de 15.000 euros. A achega pola prestación da atención personalizada consistirá nunha prima de 19.6000 euros/ano, destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora no inicio da súa andadura. A convocatoria conta cun orzamento global de 2,5 millóns de euros destinados ao desenvolvemento deste proxecto ata o 31 de decembro de 2019 nun máximo de 30 Casas niño.
Cómpre destacar que os nenos e nenas que acudan á Casa Niño deberán estar empadroados/as no concello no que se emprace este tipo de fogar, ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de 0 a 3 anos.
A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica informou de que con esta actuación preténdese crear recursos de conciliación para as familias e oportunidades para atraer poboación nova ao rural galego e fomentar o reequilibrio territorial. Ademais, se impulsa e apoia as fórmulas de autoemprego e de economía social, eficaces para a dinamización económica local e, consecuentemente, para a fixación de poboación ao territorio. A día de hoxe hai en Galicia 107 concellos potenciais beneficiarios por cumprir os requisitos anteriormente mencionados.











