Unha mostra transmedia reúne en Santiago 100 pezas para armar un relato novo sobre Galicia
Un centenar de pezas de diversa índole, case setenta delas de forma presencial e o resto a través de recursos tecnolóxicos, forman a exposición ‘Galicia 100’, unha mostra “transmedia” que pretende “armar un relato novo sobre Galicia e a súa cultura” a través de 100 obxectos que “contan” distintos aspectos da súa conformación pasada e actual.
A exposición, a cargo do Consello da Cultura Galega coa colaboración de Afundación, foi presentada este martes en Santiago de Compostela polo seu comisario, Manuel Gago, nun acto que contou coa presenza do presidente do CCG, Ramón Villares, e do presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet.
O comisario do proxecto apuntou que a “idea sedutora” que nace desta exposición é a de “contar a cultura galega” a través dunha colección de 100 obxectos representativos que presentan unha historia “máis próxima ás persoas” e un pasado “máis tanxible”.
“É unha exposición para contar, está chea de historias”, dixo Manuel Gago, que destacou que a súa organización está pensada para que poidan acceder a ela “o maior número de colectivos”, dende os máis pequenos aos adultos.
A mostra, situada na sede de Afundación na Rúa do Vilar de Santiago, conta cun total de 68 pezas de forma presencial, mentres que as restantes, que non se puideron traer por cuestións de preservación ou polo seu volume, figuran a través de distintos recursos tecnolóxicos. A previsión é que, posteriormente, se desprace a Vigo e A Coruña.
ÉPOCAS E MENTALIDADES
‘Galicia 100’ ofrece unha “lectura da identidade da cultura galega” a través de pezas significativas “escollidas pola súa capacidade de representar tempos, épocas, xentes e mentalidades”. Por iso, entre os obxectos atopan pezas de ámbito cotián, como un morteiro de améndoas do século XVII ou un bidón de leite, xunto con outros máis emblemáticos, como a bandeira do consello de Galiza ou a ‘mariscala’, a cadea coa que se cre que foi encarcerado o Mariscal Pardo de Cela.
Entre os obxectos destacados están o orixinal do Foro do Burgo de Cadelas, unha das primeiras manifestacións en lingua galega; o teodólito de Domingo Fontán; ou unha representativa ‘bata de Goa’, primeira garantía sobre a que se alzou o actual imperio de Inditex.
O proxecto ten, ademais, dúas direccións de lectura. Por unha parte, seguindo o catálogo, as pezas poden contemplarse cronoloxicamente acompañados de textos didácticos, tanto en versión papel como dixital. Por outra banda, na mostra, os obxectos agrúpanse en sete grandes módulos: poder, territorio, comunidade, códigos, transicións, redes e trasmundo, buscando un “diálogo” entre as pezas de distintas épocas.
Para articular esta exposición, o equipo liderado por Manuel Gago tomou como exemplo outras experiencias similares anteriores, como a que en 2010 iniciou o Museo Británico e a BBC Radio 4, que deu lugar á ‘Historia do mundo en 100 obxectos’, adaptada despois en Estados Unidos e Irlanda.











