Unha mostra recupera a figura esquecida de José María Cao Luaces

Inauguración da mostra
A exposición ‘José María Cao Luaces, un galego patriarca da caricatura arxentina’ inicia en Santiago de Compostela un percorrido polas catro provincias galegas para poñer en valor e dar a coñecer entre a cidadanía a obra deste destacado debuxante de orixe lucense, escasamente coñecido en Galicia.
Promovida pola Consellería de Cultura de Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, e en colaboración co Club de Prensa de Ferrol, a mostra recupera o legado e actualiza a figura deste esquecido artista de Cervo, que contribuíu decisivamente a que a ilustración arxentina eclosionase no final do século XIX e comezos do XX.
“A calidade da súa obra, o seu talento, o seu estilo –que creou escola– e a súa mordacidade quedan reflectidas na escolma de obras que conforman a mostra”, explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de prensa de presentación do proxecto, que tamén contou coa participación do artista plástico e xornalista Siro López, presidente do Club de Prensa de Ferrol; do secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; e da directora da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, Carina Fernández.
Esta mostra sobre José María Cao Luaces, que acadou un lugar de privilexio nas mellores publicacións periódicas da Arxentina, reúne unha escolma de 40 caricaturas a través das que se poñen de manifesto as distintas etapas polas que pasou o seu creador. Estas obras permiten admirar o talento e a habelencia dun debuxante galego excepcional que se erixiu como un dos grandes creadores desta forma de arte no seu tempo.
Percorrido polas catro provincias
Na Ánxel Casal, a mostra poderá visitarse ata o 12 de xuño. Logo, iniciará un percorrido que a levará ata a Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, do 14 de xuño ao 10 de xullo; a Ourense, onde permanecerá do 12 de xullo ao 7 de agosto na sala José Ángel Valente; a Biblioteca Pública de Lugo, do 2 ao 28 de setembro; a Casa da Cultura de Melide, do 30 de setembro ao 25 de outubro; a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, do 27 de outubro ao 27 de novembro; e a sala de exposicións de Sargadelos en Cervo, onde rematará a itinerancia entre o 29 de novembro e o 20 de decembro.
Influxo en Castelao
Nado en Cervo en 1862, Cao Luaces comezou traballando na fábrica de Sargadelos deste concello lucense. Con 25 anos emigrou a Buenos Aires. Alí, logo dunha amplísima e prolífica traxectoria en diferentes publicacións da capital porteña, entre finais do século XIX e inicios do XX, o artista galego acadará prestixio internacional e será recoñecido como “patriarca da caricatura arxentina”. Co seu influxo indirecto, Castelao creará a moderna escola galega de humor gráfico.











