Un total de dez cancións pasan á segunda fase do concurso Quero Cantar
Uxía, Ugia Pedreira, Lydia Botana, Alba María e Tomi López –do grupo Mamá Cabra- foron as artistas encargadas de seleccionar as cancións que continúan na segunda fase do Quero Cantar, o concurso musical infantil convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña.
Nunha reunión que tivo lugar o pasado venres e que contou coa presenza da responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín –sen voto- as creadoras valoraron as 17 cancións admitidas na primeira fase e seleccionaron 10 delas, atendendo a criterios como a calidade musical e literaria dos temas ou a súa adecuación ao público infantil. As cancións que continúan andaina nesta primeira convocatoria do certame son:
-Escola, de Xente Miúda de San Orente (Serra de Outes)
-Eu vivo, dos bananas, (A Coruña)
-A árbore tropical, de Leila Santos (Porto do Son)
-Soños, do grupo da Escola Manuela Rial Mouzo, (Cee)
-Antón, de Proxecto Nordés (Cee)
-Durme, Elsiña, de Colaxe, (Laxe)
-Queremos cantar, do grupo Cantadeiras, do Ceip Camiño Inglés (Oroso)
-Imos ver, do grupo Canta con nós, (Ferrol)
-Samaín, da Banda batuke do Colexio fillas de Xesús (A Coruña)
-Miña terra galega, de Aarón e Miriam (Culleredo)
“Poñer a nenas e nenos a cantar na nosa lingua foi xa un dos obxectivos desta primeira fase que procura animar a crear en galego a través da música”, explicou a vicepresidenta e responsábel da área da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín para quen a iniciativa, “acompaña un momento especialmente vizoso na música en galego destinada a infancia, do que son proba as participantes neste xurado de excepción”.
Votación na rede para a nova fase a partir do 23
Estas dez agrupacións acceden xa ao primeiro dos premios que concede o concurso, a gravación en estudio e a posterior edición conxunta nun disco que se ha distribuír entre centros educativos públicos de toda Galicia. Mais o concurso continúa e o vindeiro luns, día 23, dá comezo a segunda fase, unha votación aberta ao público na páxina en Facebook de Quero Cantar, cuxo propósito é escoller as cinco cancións que no vindeiro mes de xuño han participar na gala final do Teatro Colón da cidade da Coruña. Alí, ante o público e ante un xurado formado por cinco nenas e nenos de diversas etapas de educación primaria, os cinco finalistas deberán interpretar en directo as súas cancións, para que se decida así a proposta gañadora absoluta do Quero Cantar 2016. O premio para esta proposta gañadora consiste na gravación dun videoclip e en 300 euros para a compra de material musical.
Tanto as cancións seleccionadas como o resto das presentadas continúan dispoñibles ao público na páxina www.querocantar.gal











