Un mozo autolesiónase tras recoñecer que tentou matar á súa exparella
Un home acusado de asasinato en grao de tentativa, ameazas e outros delitos cortouse no pescozo ante os maxistrados da sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra despois de confesar a autoría destes delitos e recoñecer que amedrentou á súa exparella a través das redes sociais días antes de adquirir unha escopeta que fora roubada e para a que non tiña licenza.
Entre bágoas, Paulo José F.V. pediu unha quenda de palabra ao tribunal para pedir perdón e, inmediatamente despois, colleu unha coitela que tiña escondida baixo a manga da camisa e autolesionouse no pescozo dentro da mesma sala de vistas.
Todo quedou nun susto, xa que só sufriu un corte superficial no pescozo e nunha man, pero tivo que recibir atención médica por parte dos sanitarios do 061 despois de que fose reducido pola Policía Nacional.
Paulo José alcanzou un acordo de conformidade coa Fiscalía polo que se reduciu a pena inicial que lle pedían de 19 anos de prisión a 10 anos coa prohibición de aproximarse á exparella, ao seu domicilio, lugar de traballo, de estudos, ou calquera outro frecuentado por ela a unha distancia inferior a 500 metros, así como de comunicarse con ela por calquera medio directo ou indirecto, por tempo doce anos superior á pena de prisión imposta.
Para iso, recoñeceu que foi o autor dos feitos, pero mostrou o seu arrepentimento e ante o tribunal da sección cuarta pediu “perdón á suposta vítima” polo “que lle quería facer”. “Síntoo moito”, engadiu entre bágoas.
Na sala estaban nese momento as tres maxistradas do tribunal, o fiscal, o avogado defensor, as axentes xudiciais e os axentes da Policía Nacional que custodiaban ao acusado, pois está en prisión e permanecía detido e custodiado. Segundo indicou o fiscal xefe, Juan Carlos Aladro, todo quedou nun susto pola rápida intervención dos policías.
FEITOS PROBADOS
Segundo o escrito de acusación do Ministerio Fiscal, o acusado Paulo José F.V., maior de idade e con antecedentes penais computables a efectos de reincidencia, mantivo unha relación sentimental cunha nova, e unha vez que a moza puxo fin a devandita relación, o acusado, con intención de amedrentala, subiu á súa páxina de Facebook un vídeo sobre limpeza de escopetas ao que acompañou do seguinte texto “Moi importante sabelo”.
Xunto a isto, tamén un vídeo sobre como facer un test a unha escopeta ao que acompañou do seguinte texto “Probando…probando estamos” e unha fotografía de dúas pistolas que acompañou do texto “As mellores amigas do home jajaja nunca te decepcionan”. Ademais, o acusado enviou dúas mensaxes de Whatsapp á moza nos que dicía “tik tak tik tak empeza a conta atrás”.
Co mesmo ánimo de amedrentala, tamén enviou á nova mensaxes por Whatsapp nos que dicía: “o pesadelo acaba de empezar”, “eu nunca quixen volver ser malo pero ti fixéchesme volver selo”, “e non teño nada a perder …. a cousa máis importante xa a perdín”, “por iso… digo o xogo acaba de empezar”, “non vou loitar mais”, “e vou ser moi malo”, “e que sepas que tes un inimigo”, “vaite a denunciar pide protección”.
Naqueles días o acusado adquiriu unha escopeta semiautomática e munición. Carecía de licenza e sabía, segundo o fiscal, que a arma procedía dun roubo con forza.
O 10 de decembro de 2014, o acusado dirixiuse ao domicilio da súa exparella sentimental, apostándose fronte ao seu portal portando a citada escopeta cargada e sen o seguro, á espera de que a muller abandonase o seu domicilio para ir traballar, momento no que, aproveitando a sorpresa, a capacidade letal da arma e o seu fácil e rápido uso, pretendía matala disparando sobre ela coa escopeta, que xa tiña cargada e sen seguro e, a continuación, pór fin á súa propia vida, tal e como deixou escrito nunha nota que entregou nun sobre á súa nai. Non logrou o seu propósito ao ler a nai a nota e alertar á moza, quen solicitou o auxilio policial.











