Sol Vázquez destaca a calidade e a profesionalidade das prazas de abastos coruñesas

Sol Vázquez no Mercado das Conchiñas
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe o Mercado das Conchiñas no marco da iniciativa internacional Quere o teu mercado (Love Your Local Market), cuxa celebración en Galicia impulsa a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración cos concellos e as asociacións e federacións de praceiros.
Vázquez Abeal, que destacou a calidade e a profesionalidade das prazas de abastos coruñesas, explicou que preto de 90 mercados de toda Galicia e case 3.000 praceiros se suman a esta iniciativa que se celebra en 17 países de Europa, América e Asia e que en Galicia busca visualizar e promocionar as prazas como pezas clave do comercio de proximidade.
Na visita, na cal o cociñeiro do Grupo Nove Luis Veira, do restaurante Árbore da Veira, realizou un showcooking, Vázquez Abeal sinalou que o lema escollido a nivel internacional é Mercados, a túa opción saudable!, poñendo en valor a contribución destes espazos a unha alimentación equilibrada, achegando os mellores produtos locais e contribuíndo á creación de riqueza e emprego.
Moitas das actividades que se están a desenvolver por toda Galicia, entre as que se inclúen degustacións gastronómicas ou actuacións musicais e teatrais, e que culminarán este sábado coa celebración do Día do Mercado, céntranse en achegar aos máis pequenos ás prazas de abastos. Así, a Xunta está a distribuír un conto infantil co obxectivo de presentar aos máis pequenos estas instalacións dunha forma amena e divertida.
Por outra banda, os mercados pertencentes á Federación de Prazas de Abastos de Galicia (Fepragal), teñen en marcha un concurso infantil de debuxos coa colaboración dos colexios das distintas localidades onde se ubican as prazas de Fepragal, no que están a participar rapaces e rapazas de 3 a 12 anos. Esta actividade integra unha visita guiada dos estudantes acompañados dun monitor.
Nova aplicación móbil
Por outra banda, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, vén de poñer a disposición dos usuarios unha nova APP a través da cal se pode acceder de forma rápida a información sobre os mercados, prazas de abastos ou feiras tradicionais máis próximas, que se poden buscar nun xeolocalizador.
Os que descarguen a aplicación de Mercados e Prazas de Galicia poderán consultar desde os seus dispositivos a ubicación e os horarios de apertura, os servizos dos que dispón, así como acceder a enlaces directos ás webs, perfís nas redes sociais, e á tenda on line daqueles mercados que dispoñen dela. Así mesmo, terán acceso ás novas máis relevantes neste ámbito, e darase difusión aos eventos que se celebren nos diferentes mercados, así como ás accións de fidelización que nestes se propoñan.
Quere o teu mercado (Love Your Local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano conta coa participación de mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong, Estados Unidos e Canadá.











