Rubén Cela apunta que agora toca avaliar o goberno de Santiago e que non ten proposta concreta para entrar nel
O voceiro municipal do BNG, Rubén Cela, asegurou que agora o que toca é “avaliar” o ano dende que Compostela Aberta gañou as eleccións na capital galega e indicou que, polo momento, non ten unha proposta “concreta” do rexedor, Martiño Noriega, para incorporarse como socio do executivo local.
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, desvelou, nunha entrevista en días pasados, a súa intención de dar maiores garantías ao goberno de Compostela Aberta despois dun ano dende a cita coas urnas nas que esta candidatura arrebatou ser a lista máis votada ao PP e, explicou que, neste sentido, mantivo conversacións informais co BNG.
“Non houbo unha proposta concreta nin formal, entón, polo tanto, non temos nada que avaliar”, manifestou ao ser preguntado en rolda de prensa para presentar a precampaña electoral do BNG para o 26 de xuño.
“O que toca avaliar estes días e o faremos no día de mañá (por este martes) nunha rolda de prensa específica é o ano de goberno de Compostela Aberta, é o que toca avaliar”, resolveu Rubén Cela, quen deixou para o marco municipal a explicación do balance.
Nesta liña, considerou que “non era o foro nin o sitio máis axeitado” para abordar a cuestión, en referencia a que se trataba dunha rolda de prensa na sede nacional do BNG, e resolveu, ao ser preguntado pola predisposición do BNG, que “as cousas serias hai que abordalas con seriedade”. “Mentres que non haxa unha proposta concreta e formal, non hai nada que avaliar”, resolveu.











