Rey Varela asegura que se cumpriron os protocolos na atención a un senteito de Compostela
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, defendeu que “se cumpriron os protocolos” por parte da Xunta no caso que investiga un xulgado de Santiago para determinar se cargos dos departamentos de Política Social e Sanidade incorreron en “eventuais responsabilidades penais” pola “dilación” para atopar centro residencial axeitado a unha persoa sen teito en Compostela.
A preguntas da prensa este luns, Rey Varela mostrou “toda a colaboración” do seu departamento e a Consellería de Sanidade para achegar toda a información necesaria requirida polo xulgado, de forma que “se contestará no prazo que está establecido”.
Ao respecto, o conselleiro de Política Social afirmou que tanto noutros antecedentes examinados coma no desta persoa sen teito “se cumpriron os protocolos de actuación existentes” nestes casos”.
Nesta liña, Rey Varela subliña que “hai recursos, como non pode ser doutro modo, a disposición das persoas que os necesitan”, de forma que “cada vez que hai unha resolución xudicial a Xunta pon os seus recursos a disposición para atender eses casos”.
CASO
O xulgado aborda a asistencia a un home de 48 anos, solteiro e sen fillos, diagnosticado de trastorno mixto da personalidade e dependencia do alcohol e opiáceos. Tras ser ingresado por unha neumonía no Hospital de Conxo, os forenses consideraron “beneficioso” ingresalo nun centro residencial “axeitado ao seu estado psicopatolóxico”, cuestión que autorizou o xulgado o 2 de febreiro de 2016.
O titular do Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Santiago, Roberto Soto Sola, cualifica de “extraordinaria e inxustificable” a “dilación” por parte das consellerías de Política Social e de Sanidade na determinación do centro residencial axeitado ao estado psicopatolóxico do paciente que, na súa opinión, “xustifica sobradamente a dedución de testemuño de particulares” e a súa “remisión á Fiscalía” para depurar “eventuais responsabilidades penais”.
En concreto, cos feitos investigados relaciónase o secretario xeral de Dependencia e Valoración da Discapacidade, Jorge Rubén Sampedro; a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro; o director Xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal; o xefe de Servizo de Traballo Social do CHUS; e a directora de Procesos Asistenciais do EOXI Santiago de Compostela, Sonia Fernández.











