Rede de espazos culturais para os concellos da provincia de Ourense
As comisións informativas da Deputación de Ourense celebran as súas reunións hoxe mércores, 18 de maio, e mañá xoves, no Pazo Provincial. Nas xuntanzas de hoxe terán lugar as comisións de Cooperación, Facenda e Transparencia, sendo a quenda das de Cultura, Termalismo e Igualdade, mañá xoves, cando se abordará a posta en marcha dun programa provincial de cooperación cos concellos, que ten como obxectivo co-financiar e cooperar conxuntamente no fomento e a difusión das artes escénicas e da música na provincia, mediante a creación dunha Rede de espazos culturais como auditorios, casas de cultura e centros multiusos, da provincia de Ourense.
A dirección e representación da dita rede correspóndelle á Deputación de Ourense a través do deputado de Cultura, e as funcións de impulso e seguimento, á asesoría de Política Cultural da Deputación. Para a realización deste programa, a institución provincial destinará unha dotación inicial de 100.000 euros. Os concellos que desexen integrarse nesta rede de espazos culturais da provincia deben dispoñer dun espazo axeitado para o desenvolvemento da actividade escénica; asumir a programación de, aló menos, un espectáculo bimestral; dispoñer dun técnico responsable da xestión da actividade e ter menos de 20.000 habitantes.
Na reunión tamén se abordará o tema da concesión da medalla de ouro da provincia aos integrantes do grupo musical Los Suaves, como homenaxe e recoñecemento do noso pobo a toda unha longa traxectoria musical, chea de éxitos, nos que nunca faltou a permanente manifestación da súa ourensanía.
Na comisión de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente, tratarase a adhesión da Deputación de Ourense á Sección de Municipios con Augas Minerais e Termais de España, adscrita á Comisión de Turismo da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), pola que se designará como representante político nesta sección ao presidente da Deputación de Ourense, ou deputado no que delegue. A cota anual do 2016 é de 3.000 euros para as deputacións provinciais. Trátase de impulsar, mediante esta iniciativa, o papel dos concellos na planificación e aproveitamento integral dos seus recursos hidrominerais, e ao mesmo tempo, dispor dunha plataforma estable que facilite a coordinación das iniciativas de interese común para o seu desenvolvemento.
Hoxe mércores, na comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural abordarase a aceptación da delegación de competencia, formulada polo Concello da Parada de Sil, para tramitar o expediente de expropiación para a execución da obra de acondicionamento do camiño rural Hedrada-OU 0604. Pola súa banda, na comisión de Transparencia e Administración Provincial, darase conta da resolución das alegacións formuladas contra a modificación do Regulamento Orgánico da Deputación de Ourense en materia de acceso ás sesións plenarias, así como, a súa aprobación definitiva.











