Raquel Arias alude aos Plans de Envellecemento Activo como instrumento para garantir a autonomía e a visibilidade das persoas maiores
A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, asistiu esta mañá na Residencia de Maiores da Milagrosa de Lugo á representación da peza teatral Don Juan de Voadora, actividade que se enmarca dentro do programa Lecer Activo 2016 que impulsa a Consellería de Política Social e que tivo como protagonistas aos usuarios do centro.
A Xunta, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, desenvolve as actividades deste programa en centros residenciais de titularidade propia “co obxectivo de potenciar e reforzar as capacidades dos residentes autónomos e aprazar situacións de dependencia que limiten a súa autonomía”, tal e como informou a delegada.
Arias destacou que “os plans dirixidos á promoción do envellecemento activo teñen especial transcendencia en tanto que promoven hábitos de vida saudables que permiten mellorar as capacidades físicas e mentais das persoas maiores e, polo tanto, facilitar a súa independencia e incrementar a calidade de vida”.
A representación teatral que se celebrou hoxe, permitiu que un grupo de residentes da Milagrosa realizasen ao longo de dúas semanas un obradoiro, no que ao redor da obra teatral, traballaron diversas capacidades que concluíron coa escenificación pública da peza.
Na oferta de actividades de Lecer Activo 2016 teñen un papel activo tanto as os residentes dos centros de maiores coma o propio equipo de profesionais, posto que son eles os que toman a iniciativa á hora de elixir as actividades planificadas.
Dentro do programa contémplanse actividades de tipo deportivo, cultural e en contacto coa natureza, nas que na provincia participan, ademais da Residencia da Milagrosa, a Residencia de Maiores das Gándaras, tamén en Lugo, e as residencias de Burela e Monforte de Lemos.
Na residencia monfortina levaranse a cabo en xuño e setembro accións encamiñadas a mellorar o benestar persoal e social dos maiores a través da realización de actividades náuticas, para o que os usuarios do centro se trasladarán a Baiona, e nos centros de As Gándaras e Burela prográmanse espectáculos de maxia orientados tanto a persoas autónomas como a dependentes, que se desenvolverán entre maio e setembro.
A delegada da Xunta animou aos maiores de Lugo a “manterse activos e a participar neste tipo de iniciativas, que non só redundarán na mellora da súa calidade de vida, senón que contribúen a dar visibilidade á Terceira Idade na sociedade”.
Precisamente co fin de impulsar o benestar dos maiores, a Consellería de Política Social pon en marcha a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia, que inclúe a planificación de iniciativas encamiñadas a promoción do envellecemento activo.
Tamén a carteira de servizos sociais para a atención de persoas maiores e/ou con discapacidade autónomas está actualmente en fase de tramitación para a súa aprobación. A iniciativa contempla servizos de adaptación á xubilación, de mantemento persoal e outros programas de estimulación cognitiva ou comunicativa.











