Paseos guiados e representacións escénicas no Día Internacional dos Museos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Con motivo do Día Internacional dos Museos, que este ano ten por lema Museos e Paisaxes Culturais, desde o Museo de Pontevedra ponse en marcha unha actividade para achegar á cidadanía a relación entre o patrimonio artístico da cidade e os fondos da institución museística. Baixo o título ‘Da Cidade ao Museo’, prográmanse unha serie de percorridos guiados que comezarán o mesmo día da celebración, o mércores 18 de maio, e continuarán o 19 e o 20 para facilitar a participación.

‘Da cidade ao Museo’ consistirá nun paseo guiado por diferentes espazos públicos da vila nos que se atopan obras de arte significativas que conectan directa ou indirectamente coa colección do museo. Deste xeito, e a través do persoal didáctico, preténdese poñer en valor a importancia do patrimonio cultural e ambiental da vila de Pontevedra e do papel que o Museo tivo e segue a ter na súa conservación, investigación e difusión. Unha idea que conecta directamente coas orixes da propia institución, no momento que toma o relevo da Sociedad Arqueológica, e se fai cargo da conservación, recuperación, estudo e difusión de elementos significativos da historia e da cultura da vila en distintos eidos.

O percorrido dividirase en dous bloques. O primeiro será un paseo pola cidade visitando unha serie de monumentos e representacións artísticas. No segundo bloque farase unha visita polo Sexto Edificio do Museo relacionando o xa visto na rúa coa súa exposición permanente. A actividade está concibida para todos os públicos, aínda que dado o contido e a súa duración, é máis adecuada para público adulto, e dará comezo ás 18h e rematará ás 20 horas. Cada visita terá un límite de 25 prazas, e será preciso facer unha inscrición previa a través do Gabinete Didáctico en horario de luns a venres de 8:00 a 14:30 (teléfono : 986 408 100 extensión 42413), ou no mail: gabinetedidactico.museo@depo.es

Noite dos Museos

Na Noite dos Museos, que terá lugar o sábado 21 de maio, o Sexto Edificio e o Edificio Sarmiento permanecerán abertos ata a media noite. O eixo temático será a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao a través da proposta teatral da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia que, un ano máis, presentará unha aposta nova e inédita inspirada nos dez cadros que o artista de Rianxo escribe no Diario de 1921, resultado da súa viaxe durante cinco meses por diferentes cidades de Francia, Bélxica e Alemaña.

Durante a súa estadía en París, Castelao frecuentou os teatros da capital francesa e asistiu ás representacións do Theatre de Chauve-Sourris ou Teatro do Morcego, que daquela definira como “novo e orixinal”. Así, o rianxeiro imaxinou os dez cadros cos que agora, un século máis tarde do seu deseño primixenio, o alumnado de Dirección, Dramaturxia, Escenografía e Interpretación de primeiro curso, elaboraron nove pezas nas que conflúen a sensibilidade artística contemporánea co sentir do autor e as nosas raíces culturais. Partindo, por tanto, da aprendizaxe do mestre Castelao, presentarán un espectáculo que percorrerá os dous edificios para enchelos de poética visual, a través da evocación de imaxes, sentimentos e sensacións.

Prográmanse dúas funcións de 75 minutos cada unha, e que darán comezo ás 19:30 e ás 22 horas. A participación será libre e non se precisa inscrición previa.

16 de maio de 2016 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.