Os directores xerais da Consellería de Política Social reúnense cunha comitiva belga de Flandres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Os directores xerais da Consellería de Política Social mantiveron un encontro coa comitiva belga

Os directores xerais da Consellería de Política Social mantiveron un encontro coa comitiva belga

Unha representación do sistema público de servizos sociais de Bélxica, formado por membros da Asociación de Directores Sociais de Flandres, puxeron fin hoxe en Santiago a unha estadía de tres días en Galicia. Durante a mesma, coñeceron de primeira man o funcionamento da rede autonómica de servizos sociais e os programas impulsados pola Consellería de Política Social, ademais de visitar diferentes entidades que traballan no ámbito da inclusión, a infancia, a dependencia e os maiores.

Os directores xerais de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica; de Maiores e Persoas con Discapacidade; e de Inclusión Social –Amparo González, Coro Piñeiro e Arturo Parrado, respectivamente-, recibiron esta mañá nas dependencias de San Caetano á delegación flamenca encabezada por Christian Fillet, director de servizos sociais da cidade de Bruxas e que tamén preside a Rede Europea de Servizos Sociais (ESN-European Social Network). Xunto a el estiveron neste encontro representantes dos servizos sociais da cidade de Gante, Luc Kupers, Mariën Staf e Claudia Roman; así como do municipio de Aalst, Win Leerman.

Os tres responsables de Política Social da Xunta agradeceron á delegación belga a súa visita e o seu interese por coñecer o sistema galego de servizos sociais. De feito, a reunión serviu para facerlles unha presentación da organización dos recursos e programas sociais, así como os proxectos máis salientables e innovadores.

Programa Mentor e visita a entidades

A comitiva flamenca aproveitou a xornada para visitar unha das vivendas tuteladas para mozos e mozas en risco de exclusión social coas que a Xunta de Galicia colabora a través do programa Mentor, considerado Boa Práctica a nivel europeo. A administración autonómica destina máis de 6 millóns de euros para a inserción sociolaboral de menores de entre 16 e 21 anos que estean ou estivesen baixo tutela ou garda da administración pública ou suxeitos a medidas xudiciais. En determinados casos, coma nos que os usuarios estean a realizar estudos universitarios, poden continuar no programa Mentor ata os 25 anos. O obxectivo é preparar a estes rapaces e rapazas en risco de exclusión social para a vida independente.

En días anteriores, esta delegación procedente da rexión de Flandres visitou o centro de inclusión, infancia e maiores da Institución Benéfica e Social Padre Rubinos na Coruña; as instalacións da entidade Aspace en Sada –especializada na atención a persoas con parálise cerebral-; e o centro de protección de menores de Ferrol.

27 de maio de 2016 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.