Os directores de centros públicos de educación infantil e primaria da provincia da Coruña reúnense en Mariñan
O titular da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, presidiu esta tarde no pazo de Mariñan a inauguración do encontro anual da asociación de equipos directivos de centros públicos de educación infantil e primaria da provincia da Coruña. O acto contou tamén coa asistencia do reitor da UDC, Julio Abalde, e do presidente da entidade, Emilio Joaquín Veiga.
As xornadas, que se veñen celebrando no pazo bergondés de forma ininterrumpida dende 1991, renunirán ata o sábado a máis de 90 docentes que forman parte dos equipos de dirección de escolas públicas de diferentes concellos da provincia coruñesa.
Nestes tres días, as diferentes ponencias abordarán temas de actualidade como as reválidas e as repercusións da Lomce no sistema público de educación, a xestión e liderazgo dos equipos de dirección, a convivencia nos colexios ou a protección de datos en relación cos menores e os centros de ensino.
As conclusións destes encontros, segundo explicou o presidente da asociación, Emilio Joaquín Veiga, “teñen despois unha aplicación práctica na xestión diaria dos centros e na comunidade educativa da provincia”.
Veiga agradeceu a colaboración da Deputación para facer posible a convocatoria anual destas xornadas, que permiten aos docentes “compartir experiencias e coñecementos e coordinar mellor as nosas accións”.
Pola súa banda, González Formoso referiuse á longa traxectoria de colaboración entre a Deputación e a asociación e gabou o importante papel social que desenvolven os directores e profesores dos centros de ensino públicos, contrubuíndo á formación das vindeiras xeracións.











