O xulgado admite parcialmente a demanda dos críticos da CEP
O xulgado de primeira instancia número 1 de Vigo ditou sentenza admitindo parcialmente a demanda interposta por un grupo de asociacións críticas coa actual dirección da Confederación de Empresarios de Pontevedra, e ordenou repetir a elección para a Vicepresidencia de Territoriais da organización.
A pesar de que os denunciantes reclamaran a repetición de todo o proceso electoral, que concluíu coa proclamación de Jorge Cebreiros como presidente da patronal pontevedresa, o xuíz estimou que unicamente se pode falar dun único voto inválido.
Trátase dun voto dobre, o dunha persoa que o delegara e que tamén votou de forma persoal. Esta irregularidade afectou á designación da Vicepresidencia de Territoriais, que se resolveu en favor do candidato de máis idade por producirse un empate; e agora o xuíz ordenou repetir a elección deste cargo.











