O TSXG anunciará en breve se admite a querela de Besteiro contra De Lara tras o informe negativo de Fiscalía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Europa Press

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, mostrouse confiado este venres en que “a curto prazo” se faga público se a Sala do Civil e Penal admite ou non a trámite a querela presentada polo exsecretario xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro contra a xuíza Pilar de Lara.

Estas palabras chegan despois de coñecerse que a postura da Fiscalía, materializada nun informe, é oposta a que a devandita querela, na que o socialista acusa a maxistrada de prevaricación xudicial na súa instrución da Operación Polbo, sexa aceptada polo alto tribunal galego.

A preguntas dos xornalistas, Miguel Ángel Cadenas recordou que a Sala do Civil e Penal é “a competente” para resolver sobre esta cuestión, se ben se pediu “determinada documentación” e coñecer a opinión do Ministerio Público.

O presidente do TSXG realizou estas manifestacións tras reunirse co vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) para Galicia, Álvaro Cuesta, quen, preguntado sobre o número de casos que instrúe Piar de Lara e posibles reforzos, recordou que ten asignado un xuíz de adscrición territorial. “Ten o reforzo que solicitou e que se estima oportuno”, resolveu.

13 de maio de 2016 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.