publicidade hoxe

O secretario xeral do PPdeG agradece o “seu xesto” ao exalcalde de Boimorto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoimorto
A-
A+
Europa Press

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, agradeceu o “seu xesto” ao exalcalde de Boimorto, tras presentar a súa dimisión – uns 10 meses despois de acceder ao cargo mediante unha moción de censura contra o alcalde do BNG Xosé Luis ‘Mini’ Rivas- pola súa implicación nunha investigación sobre estafa a aseguradoras na súa faceta de médico.

Preguntado ao respecto en rolda de prensa tras manter un encontro con vicesecretarios e coordinadores elixidos no congreso autonómico, Tellado confirmou que a súa saída “responde a unha cuestión persoal” e “xudicial” que “afecta ao seu ámbito profesional” e polo tanto “nada ten que ver coa súa actividade política”. “E nós queremos agradecer o seu xesto”, incidiu.

Ao seu xuízo, o xa exrexedor “actuou con responsabilidade” e “fixo o que ten que facer na situación na que se atopaba”. Por iso, considerou que “nada que dicir, respectando por suposto a presunción de inocencia que lle asiste a todas as persoas e dende logo desexando que poida clarificar todos os extremos que lle reclama a xustiza”.

Este venres, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, confirmou que por agora na Comunidade galega só hai unha persoa investigada nunha operación de ámbito estatal por fraude a compañías de seguros e na que se investiga se se falsearon partes de accidentes e de saúde. Nesta actuación está implicado un garda civil, que non é galego, e que xa está xubilado.

O implicado en Galicia é o xa exalcalde de Boimorto, o popular Gonzalo Concheiro, quen presentou en horas pasadas a súa dimisión como rexedor, como deu a coñecer o propio Partido Popular este xoves a través dun comunicado de prensa, no que deixou constancia de que a súa marcha era por motivos “persoais” e alleos á súa responsabilidade como alcalde e concelleiro do PP.

13 de maio de 2016 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.