publicidade hoxe

O secretario xeral de Emigración visita a comunidade galega en Lisboa e a Sociedade Espanhola de Beneficencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaGalicia exterior
A-
A+

Na rolda de contactos directos coa colectividade galega nas cidades e países onde se asenta, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, cursa esta fin de semana visita -con axenda de marcado carácter social e cultural- á comunidade de paisanos residentes en Lisboa.

Así, e en primeiro lugar, Miranda inaugura esta tarde a mostra “Indo e vindo nun realismo aparente”, do pintor galego Ramiro Cimadevila, no Centro Galego de Lisboa – Xuventude de Galicia, na sede da propia entidade. Trátase dun dos eventos culturais cos que a comunidade de paisanos residentes na capital portuguesa conmemora o Día das Letras Galegas.

Xa na xornada de mañá sábado, o secretario xeral cursa visita a socias e socios da entidade para coñecer a realidade e actualidade da diáspora galega na ‘cidade do Tejo’, e mantén unha reunión de traballo coa directiva para enfocar e tirar máximo proveito da colaboración entre a Xunta de Galicia e maila propia entidade, que se mantén ao longo dos últimos anos como froito do excelente traballo realizado por esta comunidade.

Continúa despois a axenda de Miranda coa participación na presentación do libro “Dous corpos nus espíndose”, froito da colaboración entre o artista portugués Casimiro de Brito e a poetisa galega Pura Salceda, quen estará presente no evento. A xornada rematará co acto de maior peso social na viaxe, a visita á Sociedade Espanhola de Beneficencia, unha histórica institución da diáspora que presta atención e coidado aos maiores en situación de dependencia.

A mostra de Cimadevila

A mostra que esta noite inaugura o secretario xeral da Emigración componse dunha serie de obras nas que o autor, natural da Estrada (Pontevedra), expón a súa obra en tres eixos temáticos diferenciados. O primeiro deles condúcenos ata as paisaxes da súa terra natal, e o segundo ás das terras do Courel (polas que o pintor ten especial predilección) que atravesa o universal Camiño de Santiago. Engádeselle aínda un terceiro motivo creativo, composicións máis intimistas e persoais.

Ten exposto na súa vila natal, A Estrada, e tamén en Santiago, Lugo, Vigo, e Pontevedra e, fóra do territorio da Comunidade Autónoma, en Madrid e Barcelona. A súa obra está presente en múltiplas coleccións de diversas localidades galegas, e tamén de Alacante, Madrid, Barcelona e Brasil.

A natureza da universalidade do Camiño de Santiago, que enlaza a obra de Cimadevila coa Galeguidade, é posta en valor polo secretario xeral da Emigración no prólogo do catálogo da mostra. Así, Rodríguez Miranda advirte que “por extensión, entendo nos trazos deste amigo pintor, como quero entendelo nas pegadas que deixa a Galeguidade en Portugal e en tantos outros países do planeta, o noso compromiso coas xeracións vindeiras para que poidan gozar, en iguais ou mellores condicións ca nos, de todo este legado artístico, paisaxístico, e cultural que se nos ten depositado, e que temos a obriga moral de incrementar e transferir ás e aos galegos que veñan tras de nós”.

Galicia e Portugal

Segundo os datos a 1 de xaneiro deste ano, teñen marcada a súa residencia oficial en Portugal un total de 3.978 galegas e galegos. Pola súa banda, o número de persoas con nacionalidade portuguesa e residencia permanente en Galicia ascende a 17.019, sempre segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). En ambos casos, cómpre salientar que existe un fluxo importante de persoas que residen no seu país pero traballan no veciño, ao longo de tódolos concellos que conforman a raia, tanto na beira máis setentrional da Regiâo Norte de Portugal como no sur das provincias galegas de Pontevedra e Ourense.

13 de maio de 2016 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.