O PSOE de Pontevedra insiste en que Cancela debe defender a Caballero fronte ás ‘mareas’ ou dimitir
A dirección provincial do PSdeG en Pontevedra insistiu este luns en que a presidenta da xestora do partido, Piar Cancela, realizou unhas declaracións “desafortunadas” nas que “non só non defendeu a Abel Caballero, senón que puxo en valor as políticas das ‘mareas’, polo que debe rectificar e, se non o fai, “dimitir”.
Así o reiterou o secretario provincial, Santos Héctor Rodríguez, quen subliñou que Pilar Cancela “se equivocou ao apoiar ás ‘mareas’ contra un alcalde que é un referente non só en Galicia senón tamén en España, por o seu bo facer”. “Ten que rectificar e defender o alcalde socialista Abel Caballero, e dicir que as mareas non son o referente do PSdeG, como parece que puxo en valor”, apostilou.
Ademais, recordou que Pilar Cancela “é a presidenta da xestora, e non unha secretaria xeral”, polo que a instou a que se limite” ao “que é propio dunha xestora”.
A preguntas dos medios sobre se este cruzamento de críticas evidencia o fracaso no intento de Caballero de lograr a unidade do partido, Santos Héctor Rodríguez apuntou que o PSdeG “está agora noutro momento”, o de resolver as “primarias democráticas”, e que o alcalde de Vigo “lle deu un impulso importantísimo” ao partido “sobre todo no estado ánimo”.
ESCENARIO POST ELECTORAL
Segundo Santos Héctor, a posición do partido na provincia de Pontevedra con respecto a Pilar Cancela conta co respaldo de cargos socialistas de Lugo e A Coruña, e aseverou, parafraseando o propio Caballero, que os gobernos con alcaldes ‘do cambio’ son “unha calamidade”, que actúan “a golpe de ocorrencias”.
Así mesmo, negou que estas críticas poidan supoñer un obstáculo nun escenario post electoral no que socialistas e ‘mareas’ se vexan abocados a pactar. Así, indicou que o PSdeG facilitou as alcaldías de Santiago e A Coruña “para que non gobernase o PP”, pero “iso non quita que se poida dicir o que fan e como o fan”.
O secretario provincial do PSdeG en Pontevedra afirmou que será o futuro candidato socialista á Xunta “o que terá algo que dicir de cara ás eleccións e ás post eleccions” e “adiantar acontecementos non parece o máis acertado”. “Nós saímos a gañar as eleccións autonómicas, e unha vez que os galegos decidan, é cando haberá que falar”, recalcou.
Finalmente, sobre o proceso de primarias e en resposta aos xornalistas, defendeu o devandito proceso fronte ás acusacións de supostas presións por parte do ámbito de Cabaleiro para apoiar a Méndez Romeu. A ese respecto, recordou que as votacións son secretas e se fixeron “con todas as garantías” e que quen fai esas acusacións “ou descoñece o funcionamento do partido ou quere distraer a atención”.











