O PSdeG considera positiva a reapertura do caso Alvia e espera que non se dilate excesivamente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O voceiro parlamentario do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, considerou que “sempre é positivo” ofrecer “garantías procesuais plenas ás partes implicadas” tras coñecerse a reapertura da instrución xudicial sobre o accidente do Alvia en Angrois, en xullo de 2013, e asegurou esperar que o procedemento “non se dilate excesivamente”.

En declaracións aos medios este venres no Parlamento de Galicia e tras coñecerse a Audiencia Provincial da Coruña, Méndez Romeu enmarcou no “normal” nun “xuízo destas características” esta reapertura “para valorar algunhas probas periciais”.

Neste sentido, mostrou o seu desexo de que este procedemento “non se dilate excesivamente” e que “a súa conclusión permita definitivamente tomar unha decisión sobre as responsabilidades e o posible xuízo oral que debe abrirse”.

Así mesmo, preguntado sobre se se resarcirá ás vítimas, considerou que iso terá que ser consecuencia do procedemento xudicial”. “Terá que celebrarse previamente un xuízo para determinar eses extremos, pero creo que a xustiza está a actuar como debe, con rigor, atendendo aos prazos e as garantías procesuais e, polo tanto, hai que deixar que finalice o seu traballo”.

Ademais, cuestionado polas repercusións políticas, recordou que o asunto foi debatido “nunha comisión específica nas Cortes xerais” -a subcomisión de Fomento- “como corresponde dado que as competencias en materia de infraestrutura ferroviaria e de operación lle corresponden ao Goberno central”.

“A parte disto, o que existiu é o propio tratamento do proceso de accidente, da xestión do accidente, que foi unha competencia autonómica, e creo que actualmente non existen outros extremos pendentes de resolución”, indicou.

Por último, asegurou que o PSdeG está “coas vítimas e “coa necesidade de que teñan unha plena satisfacción a través do procedemento xudicial”.

27 de maio de 2016 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.