publicidade hoxe

O programa “Degusta Europa” chega ao mercado municipal da Guarda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+
Degusta Europa no mercado da Guarda

Degusta Europa no mercado da Guarda

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto coa deputada provincial delegada de emprego, Montse Magallanes, e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, asistiu esta mañá ao acto “Degusta Europa” no concello de A Guarda. O programa, impulsado polo ente provincial, enmárcase nunha serie de actuacións que a institución está a organizar para conmemorar o Día de Europa.

A iniciativa ten por obxectivo simbolizar a unión entre os diferentes pobos europeos empregando como elemento motor a gastronomía ao tempo que se impulsa a materia prima da provincia de Pontevedra.

No caso da Guarda, é a primeira das localidades na que profesorado e alumnado do centro educativo Manuel Antonio foron os encargados de mercar produtos das Rías Baixas no mercado municipal e en directo, ao estilo dun show cooking, elaborar pratos típicos europeos. Mais concretamente, “Sopa de melón con Oporto texturizado”, “Xoubas fritidas con tempura de millo”, “Xarda lañada con brotes tenros”, “Risotto de mexillóns con tella de quixo parmesano” e “Hamburguesas de porco con quixo gruyere”.

O programa, que xa pasou polos concellos de Caldas, Pontevedra e Cambados, con alumnado e profesorado do Carlos Oroza de Pontevedra nos fogóns, continuará no mercado municipal de Bueu mañá, 12 de maio, e no mercado do Progreso de Vigo o venres 13, con membros do Manuel Antonio na cociña que ofertarán os pratos degustados hoxe na Guarda.

11 de maio de 2016 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.