O prazo para que empresas e entidades sectoriais da provincia se inscriban no Plan de Práctica Laboral da Deputación finaliza este sábado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O vindeiro sábado 7 de maio remata o prazo para que empresas, entidades sectoriais, organizacións non gobernamentais e autónomos e profesionais liberais se inscriban no Plan de Práctica Laboral da Deputación de Pontevedra 2016. Ao inscribirse neste programa poderán acoller a algún dos 400 mozos e mozas da provincia, sen experiencia laboral no ámbito dos seus estudos, beneficiarios desta iniciativa.

As entidades que se queiran acoller ao Plan de Práctica Laboral en Empresas 2016 só teñen que realizar unha preinscrición online na web da Deputación www.depo.es, e presentala, xunto coa documentación requirida, no Rexistro Xeral da institución. O prazo para inscribirse remata este próximo sábado.

A Deputación de Pontevedra inviste este ano 669.192 € neste Plan, ao que poden acollerse empresas do sector privado, corporacións sectoriais (colexios profesionais, cámaras oficiais, confrarías, comunidades e federacións deportivas), organizacións non gobernamentais (asociacións sen ánimo de lucro) e autónomos e profesionais liberais da provincia de Pontevedra.

En concreto, 360 das persoas beneficiarias traballarán con empresas privadas e profesionais autónomos e liberais, mentres que as outras 40 o farán en corporacións sectoriais e ONGs. Os mozos e mozas beneficiarios recibirán entre 700 e 800 € ao mes durante seis meses, con posibilidade de prórroga por outros seis máis. O obxectivo do Plan é promover e completar a formación académica dos máis novos, tentando facilitarlles así a súa futura incorporación ao mercado laboral.

3 de maio de 2016 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.