O Partido Popular respecta que a Audiencia reabra a instrución do caso Alvia
A coordinadora da Interparlamentaria do PPdeG, Paula Prado, asegurou que os populares “respectan”, do mesmo xeito que o resto de decisións xudiciais, que a Audiencia Provincial ordenara reabrir a instrución que investiga as causas do accidente do tren Alvia que supuxo 80 mortes e máis dun centenar de feridos o 24 de xullo de 2013 no barrio compostelán de Angrois.
No auto, datado o 26 de maio, a sala estima os recursos de apelación interpostos por varias das partes en contra da decisión do xuíz, Andrés Lago, que o pasado outubro pechou a investigación xudicial co maquinista Francisco Garzón como único imputado. Antes que el, instruíu a causa Luís Aláez, que imputou á responsables de Adif até en dúas ocasións, nas que a Audiencia respondeu levantando as imputacións.
Agora, os maxistrados, tras deliberar sobre unha causa que suma máis de 25.000 folios, piden determinar “se existiu e era normativa e tecnicamente necesaria unha avaliación integral do risco da liña 082 -de Ourense a Santiago- que tivese en conta a situación de perigo concretamente existente na curva onde se produciu o accidente”.
“Non nos metemos nunca nas decisións xudiciais, respectámolas sempre e, se o tribunal considera que hai que reabrir a causa, haberá que esperar a ver como vai este proceso”, esgrimiu, en rolda de prensa, Paula Prado.
“Non tememos nada”, engadiu a dirixente popular, preguntada acerca de se o PP teme que haxa novas imputacións a cargos políticos en relación co accidente ferroviario. Ao tempo, lembrou que “houbo xa unha isntrucción na que foron moitas persoas a declarar”.
Prado evitou profundar nas súas declaracións e argumentou que descoñecía o contido do auto que acababa de facerse público, polo que non era consciente dos motivos nos que se basea a Audiencia para ordenar reabrir a instrución nin de que se está buscando”.
“A min gústame ler todo o auto e non descontextualizarlo, así que non vou facer valoracións dun auto que descoñezo”, resolveu.











