O Mirador do Ézaro, Betanzos e San Andrés de Teixido serán protagonistas das etapas coruñesas de La Vuelta 2016
A sede da Deputación da Coruña acolleu esta mañá a presentación das dúas etapas de La Vuelta 2016 que discorrerán por terras coruñesas e que buscan ofrecer aos espectadores “épica e estética”, segundo explicou o responsable da organización deste evento deportivo.
O acto contou coa asistencia do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o deputado responsable da área de Deportes, José García Liñares, o deputado de Vías e Obras e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, e o director de La Vuelta, Javier Guillén.
González Formoso subliñou a “aposta polo deporte” da institución provincial e destacou que La Vuelta “terá un retorno económico importante para a provincia”, ademais de supor “unha repercusión promocional a nivel mundial” dos concellos polos que pasa, pois a sinal de televisión é seguida en directo por 190 países durante 3 horas en cada etapa.
O presidente provincial subliñou que a organización de La Vuelta ten xa efectuadas 5.000 reservas de hotel na provincia para os días 22 e 23 de agosto, nos que máis de 2.500 persoas en 500 vehículos acompañarán aos ciclistas nun percorrido que terá como puntos clave o mirador do Ézaro (Dumbría), onde rematará a etapa do luns 22 de agosto; Betanzos e San Andrés de Teixido, saída e meta respectivamente da cuarta etapa que terá lugar o martes 23 de agosto.
González Formoso explicou ademáis que produtos gastronómicos e artesanais da provincia promocionaranse nos finais de cada etapa de La Vuelta co obxectivo de “ensinar en todo o territorio nacional o que é capaz de facer Galicia”.
Pola súa banda, o director de La Vuelta, Javier Guillén, agradeceu o apoio da Deputación para dúas etapas “redondas” e “completas”, que serán “dos referentes de La Vuelta 2016”.
As etapas coruñesas buscan “épica e estética”, afirmou Guillén, que explicou que, ademáis da épica asociada á propia competición deportiva, decidiron que unha etapa rematara de novo no mirador do Ézaro “uno de los finales más duros que podemos encontrar en la historia de La Vuelta”, do que destacou tamén a súa beleza e singularidade como “la única cascada de Europa que desemboca en el mar”.
“En 2012 el Ézaro fue descubierto al mundo y en 2016 lo será también San Andrés de Teixido”, afirmou o director de La Vuelta, que explicou polo miudo o percorrido das dúas etapas coruñesas.
A terceira etapa, que da comezo en Marín o 22 de agosto, terá un percorrido de 170 quilómetros dos que 109 se desenvolverán na provincia da Coruña, pasando polos concellos de Barbanza ata chegar á Costa da Morte; mentres que a cuarta etapa (23 de agosto, 161 quilómetros) partirá de Betanzos para circular por concellos das Mariñas, Ferrolterra e Ortegal, rematando no enclave de San Andrés de Teixido.
Guillén destacou as dúas chegadas en alto das etapas coruñesas e afirmou que “en España y en el mundo lo que gusta del ciclismo es la montaña”. Tamén agredeceu o gran apoio do público coruñés en cada edición da Vuelta que pasa pola provincia.











