O laboratorio de resposta hospitalaria do Álvaro Cunqueiro procesou 727.000 determinacións analíticas en catro meses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+
Desde o mes de febreiro dispón dunha cadea robótica de última xeración

Desde o mes de febreiro dispón dunha cadea robótica de última xeración

O Laboratorio de Resposta Hospitalaria (LRH) do Álvaro Cunqueiro acumula xa nove meses de funcionamento e superou as expectativas que había nun principio, cunha actividade en constante crecemento e un volume de procesamientos que abarca a todas as peticións urxentes e as que se xeran nos pacientes hospitalizados. Só no primeiros catro meses deste ano procesou 726.784 determinacións analíticas, sen ter en conta as realizadas na cabeceira do paciente (POCT). O LRH dispón dunha superficie de preto de 500 metros cadrados e está situado na segunda planta do bloque técnico do hospital.

Non só a actividade creceu senón tamén a dotación tecnolóxica do laboratorio. A xefa do servizo, a doutora María Amalia Andrade, explica que “avanzouse na organización e equipamento, definición de circuítos preanalíticos e posta a punto de todas as metodoloxías da ampla carteira de servizos; no mes de febreiro a dotación tecnolóxica incrementouse coa instalación dunha cadea robótica con módulos de entrada/saída de mostras, destaponador, centrífuga e equipos analíticos de bioquímica e inmunoensaio, que permiten a realización dun volume importantísimo de actividade urxente e programada xerada no hospital con tempos de resposta moi axustados”.

No Álvaro Cunqueiro xéranse entre 950 e 1.100 solicitudes analíticas diarias entre actividade urxente e programada e se procesa no LRH toda a actividade urxente do hospital (entre 650-750/día) e a actividade programada dos pacientes hospitalizados (entre 150-230/día), derivando ao laboratorio central as extraccións de consultas externas (da mesma forma que se fai nos centros de saúde) e as probas fóra da carteira de servizos do LRH. Estes datos non inclúen as peticións de Microbioloxía, que supoñen tamén unha actividade moi importante.

“Nestes meses pasamos de 2.146 peticións e 13.405 determinacións analíticas procesadas no LRH, na súa apertura no mes de agosto do 2015, a 23.790 peticións e 189.669 determinacións procesadas no mes de abril do 2016, cunha actividade estabilizada a partir do mes de decembro pasado. Nos primeiros 4 meses do ano 2016 procesáronse no LRH 726.784 determinacións analíticas”, subliña a doutora Andrade Olivié.

Persoal

A actividade que se desenvolve no laboratorio do Álvaro Cunqueiro require, ademais da dotación tecnolóxica, o traballo dun importante número de profesionais, que está composto por 29 técnicos de laboratorio (TEL), 25 deles en quendas de mañá, tarde e noite, e 4 TEL en quenda de mañá, 2 deles dedicados exclusivamente á área preanalítica, sen contar o persoal TEL de Microbioloxía; así como 4 administrativos en quendas de mañana e tarde. O persoal facultativo das tres especialidades está composto por 4 analistas clínicos, 1 hematólogo e 2 microbiólogos.
María Amalia Andrade destaca que “a complexidade e a importante actividade que se desenvolve é posible polo esforzo, a dedicación e enorme profesionalidade do persoal facultativo e técnico adscrito ao mesmo, para definir protocolos e circuítos, posta a punto de todo o equipamento e metodoloxías, á vez que se procesa a enorme actividade asistencial xerada”.

Outros servizos

Na actualidade están descentralizados 14 gasómetros controlados desde o laboratorio nos diferentes servizos clínicos, quirófanos, reanimación, reanimación cardíaca, partos, ucis, diálises, pneumoloxía, neonatos e proximamente en urxencias, con parámetros analíticos que permiten unha actuación inmediata.

Ademais, a xestión dos POCT (probas na cabeceira do paciente) realízase desde o LRH e supón unha importante mellora ao dispoñer en áreas de críticos de probas de resolución inmediata, e leva unha enorme xestión de permisos, formación de persoal e codificación que permite manter o control desde o laboratorio e a trazabilidade das mostras e resultados que de forma inmediata visualízanse na historia clínica do paciente.

A doutora Andrade recalca que “a importante actividade preanalítica, para a que se dispón dun equipo robotizado para a actividade programada e a cadea robótica para a actividade urxente, supón un importante reto e esixiranos nos próximos meses mellorar os procedementos; xa están avanzados proxectos de mellora, que permitirán separar a área de preanalítica para mellorar as condicións de traballo diario, debido á enorme actividade que se xera nun hospital de terceiro nivel, como é o Álvaro Cunqueiro, e mellorar os circuítos analíticos e preanalíticos que están en fase de definición final e que permitirán avanzar nunha maior comodidade do persoal que traballa no LRH”.

16 de maio de 2016 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.