O II Premio Monforte ao Ferrocarril recae no profesor da Escola de Camiños, Miguel Rodríguez Bugarín
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe o traballo da Xunta a prol do Porto Seco máis alá das súas competencias coa fin de blindar os proxectos empresariais estratéxicos para Monforte. Así o manifestou durante a entrega do II Premio Monforte ao Ferrocarril ao profesor da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, Miguel Rodríguez Bugarín.
Cómpre lembrar que Ethel Vázquez asinaba a semana pasada co Concello de Monforte un convenio de colaboración para impulsar esta infraestrutura e formalizar a recepción por parte do municipio das obras de urbanización da plataforma loxística, incluídos os viais interiores.
Trátase dun sistema de saneamento independente que permitirá que as empresas operen no Porto Seco a pesar das dificultades para conectarse á rede municipal, que se atopa en estado deficiente. Deste xeito será posible que a empresa Abiga desenvolva o seu proxecto de negocio na plataforma loxística.
A conselleira tamén salientou que o galardoado Miguel Rodríguez Bugarín, que foi director xeral de Mobilidade durante cinco anos, desempeñou un papel fundamental no impulso de Monforte de Lemos, a través do seu coñecemento das infraestruturas ferroviarias. Neste sentido, Ethel Vázquez recalcou a necesidade de defender ante o novo Goberno de España a conexión en alta velocidade de Lugo con Madrid a través de Monforte.
Vázquez precisou que Bugarín foi quen de retomar o Porto Seco, convertelo en realidade e poñelo en valor na definición da Rede Transeuropea de Transportes. Ademais, conseguiu a coordinación dos departamentos da Consellería para avanzar na infraestrutura: Xestur, realizando a urbanización da primeira fase do parque; a Axencia de Infraestruturas, executando a primeira fase dos accesos ata a estrada LU-933 e redactando os proxectos das seguintes fases para chegar, en primeiro lugar, á N-120.
A responsable de Infraestruturas concluíu que Rodríguez Bugarín sempre apostou polas posibilidades do Porto Seco, defendendo que Monforte non podía perder este tren, polo que a Xunta volcou toda a súa determinación ata lograr o desbloqueo deste proxecto.