O goberno galego reforza o control sobre o furtivismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+
Alfonso Rueda e Rosa Quintana na visita a Vilagarcía

Alfonso Rueda e Rosa Quintana na visita a Vilagarcía

A Xunta de Galicia vén de reforzar o control sobre o furtivismo nos bancos marisqueiros, nos traslados por estrada e nos puntos de venda das lonxas galegas. A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería do Mar asinaron hoxe un convenio que ten por obxecto o establecemento das bases de colaboración entre ambas as dúas consellerías para dotar de protección policial aos axentes do Servizo de Gardacostas nas tarefas de control e vixilancia do furtivismo.

Trátase dunha colaboración que, segundo destacou Alfonso Rueda, axudará a que os profesionais do mar poidan traballar con todas as garantías e sabedores de que todas as vendas se fan polas canles legais, garantindo así aos consumidores a calidade dos produtos. O vicepresidente puxo en valor o labor que desenvolve a Policía Autonómica e en concreto o Equipo de Resposta Policial, o Erpol, sempre en coordinación e traballando xunto aos gardacostas.

Pola súa banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou que a loita conxunta contra esta lacra axuda ademais a defender a boa imaxe dos produtos do mar de Galicia e do bo labor de moitos profesionais do mar e da cadea mar-industria. De aí, sinalou, a importancia de traballar de xeito coordinado cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, sobre todo cando o furtivismo vén acompañado de accións violentas.

A Xunta está a facer un importante esforzo na loita contra o furtivismo en todo o litoral de Galicia, sumando esforzos e avanzando e todos os eidos, como amosa esta colaboración entre a Policía Autonómica e o Servizo de Gardacostas.

Este esforzo tradúcese nun importante incremento da actividade do Erpol, en colaboración cos gardacostas, con preto de 6.200 persoas identificadas en 2015, un 37% máis que o ano anterior, o as máis de 1.600 embarcacións inspeccionadas, un 73% máis. Ademais, o Equipo de Resposta Policial detivo a un total de 100 persoas durante o pasado ano, case un 10% máis que en 2014 relacionadas con delitos de furtivismo ou marisqueo ilegal.

No marco deste convenio, a Vicepresidencia porá a disposición da Consellería do Mar os efectivos policiais necesarios para levar a cabo as tarefas de protección do persoal encargado do control e vixilancia do furtivismo. Ademais, colaborará no mantemento dos vehículos axeitados para o correcto funcionamento destes dispositivos. Á Consellería do Mar, pola súa banda, correspóndelle, planificar os operativos e coordinar o seu desenvolvemento, así como financiar os gastos de mantemento dos vehículos Policía Autonómica empregados nos operativos conxuntos. O importe estimado dos gastos para levar a cabo esta colaboración é de 60.000 euros.

Asociación mexilloeira Ventos da Ría

Posteriormente Alfonso Rueda e Rosa Quintana, mantiveron un encontro con representantes da asociación mexilloeira Ventos da Ría e visitaron unha das súas bateas. Alí a titular de Mar destacou a importancia da posta en valor deste sector, xa que é un dos piares da nosa economía. De feito, subliñou, o ano pasado o valor económico da produción de mexillón superou os 112.400 millóns de euros, o que se corresponde cunha cantidade de vendas de máis de 264.100 toneladas, as cifras máis altas dende 2009. En relación ao ano 2014, o ano pasado o valor económico das descargas de mexillón aumentou nun 14% e a cantidade descargada subiu nun 12%.

Rosa Quintana destacou que a Administración recoñece a relevancia deste sector en Galicia. Neste sentido, explicou que dende o 2009 este sector recibiu máis do 85% das axudas da Consellería do Mar en materia de acuicultura, transformación e comercialización e investimentos a bordo de buques pesqueiros e ao abeiro do Fondo Europeo de Pesca (FEP). No caso dos investimentos en acuicultura, aprobáronse máis de 38 millóns de euros en axudas. Delas o 80% foron para o sector mitilicultor, que se beneficiou de máis de 30 millóns. No eido da transformación e comercialización de produtos pesqueiros, a Consellería do Mar tramitou axudas por un importe de máis de 130 millóns de euros, dos cales máis de 8,2 millóns foron para o sector depurador.

10 de maio de 2016 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.