publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O DOG publica a orde de aprobación definitiva do PXOM de Porto do Son

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPorto do Son
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Porto do Son. Este documento vén a substituír á normativa anterior, de máis de dúas décadas de antigüidade.

Un dos principais obxectivos do novo planeamento é contribuír á defensa dos valores naturais do municipio, protexendo as zonas máis sensibles e con maior riqueza natural, paisaxística, ambiental e cultural. Ao respecto, cabe lembrar que o concello conta con dous espazos incluídos na Rede Natura 2000: o complexo húmido de Corrubedo e o Esteiro do Tambre.

Ademais, o PXOM promove a actividade económica, ao establecer unha reserva de solo de carácter empresarial acorde coas demandas dos empresarios locais. Ao mesmo tempo, recolle unha obriga de integración paisaxística que limita o impacto visual que este solo empresarial pode ter no espazo costeiro.

O documento inclúe dous núcleos urbanos –Porto do Son e Portosín-; un total de 160 núcleos rurais, dos que 25 son de nova creación; e potencia o crecemento destes últimos, como punto vertebral do desenvolvemento urbanístico.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investiu preto de 200.000 euros para apoiar aos técnicos municipais na redacción deste novo planeamento.Trátase do terceiro PXOM actualizado da comarca de Noia, tras o de Lousame e o de Outes.

18 de maio de 2016 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.