O CPETIG e a Amtega celebran o 7 de maio o “Scratch day” para difundir os valores da programación informática
O vindeiro sábado, 7 de maio, a Facultade de Informática da Coruña (FIC) acollerá o “Scratch Day,” una xornada organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para difundir os valores da programación informática entre os rapaces e os seus pais de forma lúdica e divertida.
O encontro, do que está previsto realizar máis edicións durante o ano, está dirixido fundamentalmente a rapaces e rapazas de entre 10 e 14 anos, que acompañados dos seus pais e nais, poderán compartir unha xornada que os achegará ao mundo da programación e coñecer as posibilidades que poden ofrecer as TIC.
Co “Scratch Day”, o CPETIG busca eliminar mitos en relación á programación informática, dar a coñecer a contorna da programación “Scratch” e aprender a desenvolver videoxogos con esta ferramenta.
Contidos da xornada
A xornada comezará ás 9.30 horas coa benvida aos participantes. Logo, entre as 10.00 e as 10.30 horas, terán lugar as presentacións e demostracións, e xa entre as 10.30 e as 13.30 horas, levaranse a cabo os obradoiros de programación en “Scratch”. A xornada rematará ás 14.00 horas coa presentación dos proxectos.
Os asistentes distribuiranse en función da súa experiencia previa con Scratch. Haberá un taller de iniciación e outro de nivel avanzado.
A implicación e a concienciación dos pais neste ámbito servirá de apoio para que os rapaces se sintan atraídos cara a programación informática, de xeito que esta actividade organizada polo CPETIG non sexa unha excepción, senón o principio dun labor a seguir no fogar.
Formadores
No “Scratch Day” contarase coa participación de profesorado experto en Scratch así como con monitores xurdidos do curso de Scratch para formadores que tivo lugar na FIC o pasado 22 de abril organizado polo CPETIG e a FIC.
Todos aqueles que desexen participar no “Scratch Day”’ deberán inscribirse a través da web do CPETIG www.cpetig.org e presentarse cun ordenador portátil











