O conselleiro de Sanidade remarca a importancia de potenciar as actividades de educación para a saúde dos pacientes de Párkinson

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presidiu hoxe, na capital de Galicia, o acto de presentación do Libro Blanco do Párkinson en España. No acto estiveron presentes, así mesmo, o presidente da Sociedade Galega de Neuroloxía, José María Prieto González; a presidenta da Asociación de Párkinson Galicia; Ana María Vidal Carro, e representantes da Federación Española de Párkinson, así como de diversas asociacións de Párkinson galegas.

Segundo o conselleiro, o Libro Blanco do Párkinson en España, que hoxe se presentou, vai ser unha referencia fundamental para o presente e o futuro desta patoloxía en España e en Galicia.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego lembrou que estamos a falar dun problema de saúde dunha magnitude significativa, posto que, segundo os últimos estudos realizados pola OMS, o Párkinson é a segunda enfermidade neurodexenerativa con maior incidencia na poboación mundial. En España se calcula que afecta a unhas 160.000 persoas.

Ao respecto desta enfermidade dixo que debemos afrontar unha realidade derivada da nosa demografía como é que temos unha poboación cada vez máis avellentada. Na nosa Comunidade, a porcentaxe de maiores de 65 anos supera xa o 24%. Por tanto, cabe agardar que o problema de saúde plantexado polas enfermidades do cerebro asociadas á idade irá en aumento. Isto implica e demanda, -dixo o conselleiro-, grandes cambios nos nosos sistemas de saúde, potenciado, en primeiro lugar, un bo sistema de asistencia primaria para satisfacer as necesidades básicas dos pacientes, e tamén unha organización social para axudar aos coidadores e familiares a cargo dos enfermos e as súas necesidades psicolóxicas, físicas e económicas.

Cómpre, por tanto, potenciar as actividades de Educación para a saúde destes pacientes, e non só dirixidas a eles, senón, tamén, aos seus familiares e coidadores, que conviven día a día coa enfermidade e co enfermo. Non só son importantes os aspectos médicos senón, tamén, os aspectos sociais e de seguridade,

Dende o Servizo Galego de Saúde e a Consellería de Sanidade queremos velar, -remarcou o conselleiro-, para que estes pacientes sexan atendidos coa calidade que xa teñen por profesionais especializados en Neuroloxía, polos seus médicos de atención primaria e polo resto de disciplinas implicadas. Buscamos, ademais, a maior equidade e accesibilidade a tratamentos que amosaron ser seguros e eficaces.

Almuiña lembrou que, dende a Escola Galega de Saúde para Cidadáns da Consellería de Sanidade, realízanse actividades de formación e información á poboación, como o Foro do Experto Responde, talleres sobre coidados e recursos dispoñibles para os pacientes e familias, formación do paciente experto, ou talleres de estilos de vida saudable. Todo isto en colaboración coas asociacións de pacientes, que fan chegar a Sanidade propostas concretas de formación e información en base ás necesidades que, de primeira man, detectan entre os asociados, familiares, coidadores e poboación en xeral.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro destacou o labor de axuda que están a facer asociacións como as do Párkinson, que contribúen ao apoio dos pacientes e as súas familias, non só nos aspectos físicos, senón tamén psicolóxicos e sociais.

6 de maio de 2016 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.