O conselleiro de Sanidade destaca a importancia que ten a colaboración da administración sanitaria coas asociacións de pacientes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Vázquez Almuiña na xornada sobre enfermidades reumáticas. Foto: X. Crespo

Vázquez Almuiña na xornada sobre enfermidades reumáticas. Foto: X. Crespo

O Hospital Clínico de Santiago acolleu hoxe un acto informativo organizado pola Liga Reumatolóxica Galega, que contou coa participación do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e que tivo por obxectivo concienciar á sociedade sobre a situación das persoas con enfermidades reumáticas.

Neste evento, Almuiña destacou a importancia que ten a colaboración da Administración sanitaria coas asociacións de pacientes, escoitando a súa voz e facéndolles chegar información do que se fai. Sanidade quere contar con eles de forma activa, pois as asociacións de pacientes están a facer un traballo moi importante.

Un sistema centrado nos pacientes e na cidadanía debe ter formalizada a participación das organizacións que os representan. Hoxe por hoxe, o paciente fíxose consciente dos seus dereitos, entre eles o de participar nas decisións que lle afectan directamente. O sistema, pola súa banda, pode e debe aceptar este novo papel, e por tanto cómpre desenvolver ferramentas para permitir e facilitar esta participación.

En Galicia, un dos obxectivos da Estratexia 2020 do Sergas é, precisamente, promover a saúde e responder ás necesidades da cidadanía, facilitando a súa participación e a dos pacientes.

Ademais, co obxecto de manter o mellor cumprimento das responsabilidades e de que o exercicio da práctica clínica sexa humanitario, e estea inspirado nun claro sentido de beneficio social, a Administración sanitaria galega busca sempre manter os máis esixentes niveis éticos e científicos. O Sergas quere ser un sistema sanitario innovador, centrado na cidadanía, e que asegure a continuidade asistencial, a seguridade, a eficiencia e a participación dos profesionais.

Preto de 21.000 cidadáns

No ano 2009, a Consellería de Sanidade creou a Escola Galega de Saúde para Cidadáns, que ten como misión formar en coidados e autocoidados aos pacientes, coidadores e cidadáns, para mellorar a atención á cronicidade, potenciar a prevención da enfermidade e a promoción da saúde, e impulsar a participación. Ata a data, teñen pasado pola Escola 20.916 cidadáns en diferentes actividades.

Este ano 2016 será o do impulso definitivo da plataforma é-saúde, ferramenta tecnolóxica de personalización de servizos para o paciente e o cidadán, que fai que, dende calquera lugar e dispositivo (ordenador, móbil, tablet), se poida acceder a servizos e contidos personalizados en función do perfil, tanto se o fai un paciente como se é un cidadán san que queira participar activamente na promoción da súa saúde e na prevención de enfermidades.

27 de maio de 2016 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.