O CETMAR organiza un seminario sobre a importancia económica e social da prohibición dos descartes pesqueiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

Difundir o coñecemento adquirido en diferentes proxectos europeos de investigación e innovación e fomentar o debate sobre as consecuencias socioeconómicas da prohibición dos descartes pesqueiros é o obxectivo do seminario que se celebrará o vindeiro 9 de xuño en Santander organizado polos socios do proxecto LIFE iSEAS, entre os que se atopa a Fundación CETMAR.

A xornada, na que participan ademais outros proxectos como H2020 Discardless, H2020 MINOUW, VADEAR e DESMAN, servirá tamén para abordar os resultados obtidos a través de diferentes tecnoloxías para a eliminación dos descartes e para a xestión da biomasa das capturas non desexadas.

A asistencia ao seminario, que se celebrará no auditorio do Instituto de Hidráulica Ambiental da Universidad de Cantabria, é gratuíta e realizarase por rigorosa orde de inscrición vía web, indicando nome e institución.

Coordinado polo Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC de Vigo, no proxecto iSEAS participan, xunto ao Centro Tecnolóxico do Mar, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Instituto Español de Oceanografía (IEO), a Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto e Ría de Marín (OPROMAR) e Talleres Josmar SL.

O obxectivo desta iniciativa, que se prolongará ata 2018, é demostrar que é factible un escenario sostible nas pesqueiras da UE, en termos de indicadores biolóxicos e socioeconómicos. Este fin será factible mellorando a posta en práctica dos coñecementos existentes e as solucións innovadoras para a redución e xestión dos descartes pesqueiros.

31 de maio de 2016 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.