publicidade hoxe

O Centro Tecnolóxico da Carne celebra unha xornada sobre a certificación veterinaria para a exportación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSan Cibrao das Viñas
A-
A+

O Centro Tecnolóxico da Carne (CTC) acollerá mañá a xornada de internacionalización do sector cárnico “A certificación veterinaria para a exportación”. Este seminario está organizado polo CTC e a Asociación Galega da Carne (Asogacarne) en colaboración coa Xunta de Galicia, a través das consellerías do Medio Rural e de Sanidade, e o Goberno de España, por medio do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama).

O obxectivo da xornada, que terá lugar nas instalacións do CTC no concello ourensán de San Cibrao das Viñas, é analizar as consecuencias da aplicación da normativa sobre certificación veterinaria para a exportación e o seu impacto nas industrias cárnicas. Trátase de promover unha boa implantación do novo sistema de certificación veterinaria e facilitar, ao tempo, as exportacións cárnicas a terceiros países con requisitos diferentes aos da Unión Europea. En concreto, avaliarase o contido e alcance do Real Decreto 993/2014 polo que se establece o procedemento e os requisitos da certificación veterinaria oficial para a exportación.

En última instancia o que se busca por parte de Asogacarne e do CTC, en colaboración coa Xunta e o Magrama, é potenciar a internacionalización das empresas, promovendo un maior coñecemento dos requisitos para acceder aos mercados exteriores.

Programa

O programa deste evento iniciarase cunha primeira presentación a cargo de Óscar Rodríguez Delgado, Xefe de Área de Exportación Animal da Subdirección Xeral de Acordos Sanitarios e Control en Fronteira do Magrama. Explicará o novo sistema de autocontrol específico para a exportación a países terceiros con requisitos diferentes aos intracomunitarios, abordando os aspectos prácticos para o sector cárnico.

A continuación intervirá Jesús Javier Orejas Fernández, Xefe de Servizo de Sanidade Animal da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Alimentarias da Consellería do Medio Rural. Centrarase na participación dos servizos veterinarios oficiais de sanidade animal da Xunta no novo esquema de certificación para a acreditación de requisitos especiais en materia de sanidade animal.

Pola súa banda, Juan Soler Herrero, Técnico Asesor do Servizo de Seguridade Alimentaria da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, explicará aos asistentes a acreditación de requisitos especiais en materia de saúde pública a través dos servizos veterinarios oficiais de saúde pública.

Para completar todas as partes do novo esquema de certificación veterinaria para a exportación, Ileana Calixto, Directora de Desenvolvemento Corporativo de Araporc Entidade de Inspección, S.L., con experiencia en empresas cárnicas de Galicia, explicará o papel dos organismos independentes de control na certificación do novo sistema de autocontrol específico para a exportación.

A xornada finalizará cunha mesa redonda na que estarán presentes todos os relatores moderados por Miguel Fernández Rodríguez, Director Xerente do CTC, na que os responsables das empresas cárnicas asistentes terán a oportunidade de expor as súas cuestións e dúbidas sobre o tratado neste seminario.

Nova normativa

O Real Decreto 993/2014 elaborouse coa finalidade de afianzar e contribuír a expandir as exportacións españolas de produtos suxeitos a certificación veterinaria, que nos últimos anos demostrou ser vital para a economía española, mediante tres obxectivos fundamentais.

En primeiro lugar, a creación de mecanismos de coordinación entre todas as administracións que participan no proceso de certificación veterinaria para a exportación e na apertura de mercados.

En segundo termo, o desenvolvemento dunha base legal que regule o procedemento de emisión de certificados veterinarios para a exportación, e os requisitos esixidos para a exportación de produtos baixo certificación veterinaria.

En terceiro lugar, a redución de trámites e reforzo das garantías sanitarias ofrecidas polo sistema de certificación veterinaria para a exportación.

Así, este Real Decreto aplícase a todos aqueles produtos que precisan, por esixencia do país de destino, da emisión dun certificado veterinario: animais vivos, produtos de orixe animal, produtos para alimentación animal, produtos zoosanitarios, etc. E articúlase en dous alicerces básicos, o Sistema auditado de autocontrois específicos para a exportación (SAE) e programas de control.

10 de maio de 2016 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.