O BNG atribúe a moción en Pontecesures a unha “cacicada de Rueda”
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladou este xoves o total apoio da formación á alcaldesa de Pontecesures, Cecilia Tarela, en vésperas da moción de censura “instigada polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras ser elixido presidente do PP en Pontevedra”.
“A moción de censura en Pontecesures é unha cacicada do señor Rueda, a súa carta de presentación na provincia como presidente do PP en Pontevedra”, criticou Pontón. “El é o artífice dunha moción de censura para apartar do goberno a unha alcaldesa traballadora, honrada e decente, e impor os intereses do Partido Popular usando os vellos modos caciquiis de sempre”, denunciou.
Tras o encontro coa rexedora, que tamén contou coa presenza de Goretti Sanmartín e Noa Presas, da executiva nacional, a portavoz nacional do Bloque reclamou ao PP “e moi especialmente ao señor Rueda que paren esta cacicada”, en aras da “decencia política e da democracia”.
Ademais, lamentou a “falta de escrúpulos” do dirixente popular, capaz de “pasar por encima” da decisión nas urnas dos veciños do municipio.
“No BNG entendemos que en política non vale todo, é necesario que haxa decencia e que haxa respecto polo que vota a cidadanía”, subliñou, antes de advertir que o PP poderá gañar a moción, “pero a cambio de que perda Pontecesures, e de que perda unha alcaldesa honesta que está a traballar en beneficio da maioría”. Segundo augurou, isto será substituído por un goberno ao servizo dunha minoría”.
CHAMAMENTO
Pola súa banda, a actual primeira edil, Leticia Tarela, fixo un chamamento aos veciños do consistorio para que expresen o seu rexeitamento á moción.
“Convidamos a todos os veciños a que veñan ao pleno para deixar claro coa súa presenza que non están de acordo co que se vai a consumar”, remachou.