publicidade hoxe

Nor-Ibérica de bebidas recibe o certificado Galicia calidade para os seus augardentes e licores tradicionais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMaside
A-
A+
Entrega do certificado de Galicia Calidade

Entrega do certificado de Galicia Calidade

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, acompañada do xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, entregaron hoxe en Maside (Ourense) o certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á empresa Nor-Ibérica de Bebidas, especializada na elaboración de augardentes e licores de gran calidade de forma artesanal.

A compañía, fundada no ano 2004 en Maside, pode incluír na súa etiquetaxe o selo de garantía Galicia Calidade para os augardentes brancos, de herbas, licor café e licor de herbas, comercializadas coas marcas Felipe Saavedra e Marqués de Marialva. O selo Galicia Calidade, con validez para o próximos tres anos, permitirá a Nor-Ibérica de Bebidas incluír o distintivo nas etiquetaxes dos produtos certificados, así como nas diferentes accións para a súa promoción.

Sol Vázquez eloxiou a aposta pola calidade desta empresa, que elabora licores tradicionais galegos, de forma artesanal, con bagazos controlados polo Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Segundo relatou, esta defensa da calidade é “o mellor exemplo do compromiso das empresas galegas coa innovación e a aposta polo recoñecemento nos mercados internacionais”.

A directora xeral de Comercio explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha a Estratexia de Reforzo de Galicia Calidade, unha marca recoñecida e valorada polos consumidores que na actualidade suma xa máis de 300 produtos certificados e 79 empresas diferentes, cunha forte presenza do sector alimentario e da hostalería.

Neste senso, Sol Vázquez apuntou que os establecementos turísticos (hoteis e restaurantes) que conseguen o selo Galicia Calidade teñen a obriga de ofrecer viños e licores tradicionais certificados pola denominacións de orixe galegas ou indicacións xeográficas correspondentes. “Trátase de ofrecer aos usuarios dos establecementos turísticos produtos de calidade certificada”, engadiu.

Elaboración tradicional

Nor-Ibérica de Bebidas naceu no ano 2004 en Maside (Ourense), despois de contar con máis de 20 anos no sector vitivinícola, co obxectivo de elaborar augardentes e licores de gran calidade de forma totalmente artesanal.

Cun coidadoso proceso de selección das materias primas, os augardentes están elaborados partindo de bagazos controlados polo Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, o que permite comercializar un produto de máxima calidade e de recoñecemento internacional.

3 de maio de 2016 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.