publicidade hoxe

Nava Castro destaca que a Xunta impulsa catro itinerarios culturais europeos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoira
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, subliñou que a Xunta de Galicia impulsa catro itinerarios culturais europeos: o Camiño de Santiago, os Camiños da Vide e a Ruta Viquinga e a das Cidades Termais. A directora fixo estas declaracións esta tarde na clausura do seminario «Presentando aos Viquingos. Unha perspectiva Europea», enmarcado nun proxecto europeo para o coñecemento e difusión desta cultura.

A directora avogou pola integración da Comunidade neste tipo de itinerarios xa que esta cualificación europea implica un importante recoñecemento cultural e histórico. Neste sentido, Nava Castro enxalzou a Ruta Viquinga, integrada no Itinerario Cultural Europeo de Viquingos e Normandos, que permite realizar un percorrido pola ría de Arousa e polo río Ulla nunha auténtica embarcación viquinga para recrear o avance das naves deste pobo invasor durante a Alta Idade Media. A directora destacou que Catoira é o único socio en España deste itinerario.

A maiores, Nava Castro aproveitou a súa intervención para incidir na necesidade de impulsar produtos turísticos que acheguen valor diferencial a Galicia para consolidar a Comunidade como un destino multiexperiencial.

Neste sentido, a directora explicou que Turismo de Galicia ten en marcha diversos produtos turísticos innovadores de carácter experiencial coa finalidade de captar e fidelizar novos fluxos turísticos cos que combater a estacionalidade da demanda turística na Comunidade. Nesta liña, Nava Castro exemplificou a aposta do seu departamento polas Rutas da Lamprea, da Camelia ou do Viño e os Tren Turísticos, o Outono Gastronómico ou os Centros para Bicicletas Todo Terreo (BTT). Deste xeito, segundo expuxo a directora, consolidarase unha oferta turística competitiva e que aproveite os valores endóxenos da Comunidade.

Ao respecto, a directora expuxo que Catoira xa conseguiu consolidarse como un destino único grazas á oferta diferencial que ofrece en torno á cultura viquinga. Nava Castro puxo como exemplo a Romaría Viquinga, que cada mes de agosto concentra a miles de visitantes e que está declarada como Festa de Interese Turístico Internacional dende o ano 2002. A directora subliñou o arraigo, orixinalidade e antigüidade desta celebración, que conta con gran participación popular.

26 de maio de 2016 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.