publicidade hoxe

Medio Rural achega 600.000 euros ás empresas forestais que superen 10.000 metros cúbicos de materia prima empregada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOza/Cesuras
A-
A+

A Consellería do Medio Rural achegará este ano un total de 600.000 euros en axudas ás empresas de primeira transformación de produtos forestais que superen os 10.000 m3 de materia prima empregada. Así o anunciou esta mañá a titular do departamento, Ángeles Vázquez, na súa visita ao serradoiro Hermanos García Rocha, situado no concello coruñés de Oza-Cesuras. Neste acto estivo acompañada polo alcalde deste municipio, José Pablo González Cacheiro, e polo presidente da Confederación Galega de Empresarios da Madeira (Confemadera-Galicia), Elier Ojea.

Ángeles Vázquez explicou que a normativa europea impide polo de agora que as industrias desta dimensión se beneficien dos fondos comunitarios e por este motivo o Goberno galego decidiu aprobar estas axudas con fondos propios.

A conselleira avanzou ademais que estas achegas convocaranse a través dunha orde específica que será publicada en breve no Diario Oficial de Galicia. Mediante estes fondos poderán financiarse os investimentos en activos fixos produtivos tales como bens de equipo e instalacións en serradoiros e obra civil necesaria para a instalación da maquinaria de serra, nave de serrado e para almacenamento de produtos no propio serradoiro. Tamén, os bens de equipo, instalacións e obra civil necesarios para almacenamento doutros produtos forestais distintos da madeira e non alimentarios (biomasa, cortiza, etc) na propia industria.

O importe da axuda para cada empresa beneficiaria será do 25% dos custes elixibles; no caso de pequenas empresas poderá incrementarse ata un máximo do 35%. Establécese unha axuda máxima por beneficiario de 100.000 euros.

Sector estratéxico

A industria da transformación da madeira e o moble é un sector estratéxico para Galicia. Segundo o Instituto Galego de Estatística, o seu peso é superior ao da pesca extractiva, o téxtil-confección ou á transformación da pesca, xa que representa o 9,9% do valor engadido industrial e o 12,4% do emprego industrial. Destaca o papel que ten nas economías locais, xa que en 52 concellos rurais esta actividade representa o 30% das industrias asentadas.

A facturación desta industria en Galicia ascende a 1.744 millóns de euros e as exportacións suman 749,4 millóns. O emprego directo supera os 20.000 postos de traballo e o indirecto chegaría aos 50.000, segundo datos da patronal Confemadera.

O serradoiro Hermanos García Rocha é unha industria de tradición familiar que deu os seus primeiros pasos no ano 1959. A partires de 1990 incorporouse á xestión a terceira xeración, reforzando a profesionalización da actividade. Dende o ano 2009 recibiron axudas da Xunta para modernización e mellora da súa produción por importe de 105 mil euros, para un investimento total de preto de 350 mil euros.

18 de maio de 2016 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.