Medio Ambiente pon en valor os produtos gastronómicos da Rede de parques naturais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+

A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, puxo hoxe en valor a “gran” potencialidade dos produtos gastronómicos procedentes dos espazos que compoñen a Rede de parques naturais de Galicia, como garantes de calidade e como “complemento indispensable” aos valores naturais destes enclaves.

Así o destacou hoxe durante a súa participación na xornada celebrada no campus de Ourense con motivo da conmemoración, o pasado 24 de maio, do Día europeo dos parques naturais.

O lema elixido para este ano foi “Os sabores da natureza”, co obxectivo de crear conciencia sobre os vínculos entre as áreas protexidas, a agricultura sostible e o valor da natureza saudable para a seguridade alimentaria; involucrando así aos produtores, e promovendo os produtos locais e de temporada.

En concreto, as xornadas de hoxe tiveron como obxectivo poñer en valor os produtos tradicionais do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Para conseguilo, realizouse unha conferencia gastronómica, acompañada por un show cooking no que se elaboraron unha selección de receitas tradicionais, recuperadas entre os concellos deste parque natural, combinadas con outras de nova elaboración. En calquera caso, todas elas tiveron como base produtos procedentes deste espazo natural.

A continuación, realizouse unha degustación de pratos elaborados como: pastel de coello de monte; troita do río Limia con crema de nabo picante; verza e allada galega; puré de coliflor; cristal de letria castrexa con xeado de sopa de burros canso; coulis de marmelada de framboesas; gominola de queimada; cazoliña de cogomelos de tempada con xamón; peras; e figos secos.

Esta presentación terá continuidade coa celebración dunha ruta de tapas que terá lugar durante dúas fins de semana –esta e a próxima-, na que participarán once establecementos dos concellos de Muíños, Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira e Lobios. Consistirá na preparación de tapas ou menús con produtos procedentes da zona, na procura de incentivar o turismo gastronómico en relación á natureza do parque.

31 de maio de 2016 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.