Medio Ambiente aplicará os coñecementos adquiridos no proxecto Life+ Margal Ulla

Intervención de Beatriz Mato na xornada. Foto: C. Paz
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio estudará trasladar a outras masas de auga de Galicia e a outras especies as melloras e avances adquiridos no programa Life+ Margal Ulla.
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, sinalou esta mañá – durante a clausura dunha xornada sobre o Programa Life+ Margal Ulla, xunto coa directora xeral de Conservación, Ana María Díaz López- que o coñecemento sobre o patrimonio natural, da cultura da colaboración e da conciencia ambiental que se ten alcanzado nos seis anos de proxecto veñen a reforzar a posición de Galicia como referente no coidado dos ríos, da biodiversidade e do medio ambiente.
Recordou que este programa, que contou cun investimento de 3,3 millóns de euros e no que a Xunta aportou case o 50%, tiña por principal obxectivo a recuperación das poboacións do mexillón de río e o desmán ibérico na conca do río Ulla. Sinalou que o primeiro reto deste plan foi a necesidade de incrementar o coñecemento científico que se tiña sobre estas dúas especies; polo que un dos grandes avances foi coñecer moito mellor os comportamentos destas dúas especies, as ameazas ás que teñen que facer fronte e o xeito de axudarlles a superalas.
A conselleira de Medio Ambiente lembrou que o mexillón de río e o desmán ibérico son dúas especies que, na actualidade, atópanse ameazadas principalmente polo efecto da acción humana; pero o Life+ Margal Ulla demostrou a necesidade de levar a cabo medidas concretas para avanzar no obxectivo da súa recuperación, grazas a actuacións de cultivo ex situ de larvas de mexillón ou a recuperación de cinco quilómetros de bosque de ribeira, plantándose máis de 1.000 árbores e eliminando máis de 3.000 exemplares de especies exóticas e invasoras.
Segundo trasladou a conselleira este programa tamén supuxo unha oportunidade para crear unha auténtica cultura de colaboración entre os socios e sentou as bases para o intercambio continuo de información entre profesionais da biodiversidade, a auga, a agricultura e o patrimonio da Comunidade. Unha colaboración que tamén se fixo extensiva a nivel europeo, xa que se traballou man a man cos investigadores de Suecia, Finlandia, Irlanda, e Luxemburgo ou Francia.
Por último, destacou a importancia de implicar a toda a sociedade na conservación dos ríos, do patrimonio natural e da biodiversiade e apostou por traballar a prol da compatibilidade dos usos humanos e a protección da rede fluvial e das especies que viven ao redor. “Na medida en que sexamos capaces de acadar un equilibrio entre o crecemento e a sostibilidade, poderemos garantir a calidade de vida das xeracións actuais sen hipotecar o futuro das vindeiras”, concluíu.











