Máis de 200 escolares asisten á exhibición de cetrería con motivo do Día Internacional dos Museos no Castro de Viladonga

Raquel Arias na exhibición de cetrería
Máis de 200 escolares asistiron esta mañá no Castro de Viladonga, en Castro de Rei, a unha exhibición de cetrería organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para conmemorar o Día Internacional dos Museos, que se celebra hoxe.
A cita, á que tamén acudiron a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, e a directora do Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga, Elena Varela, enmárcase dentro dun programa de actividades que se desenvolve ao longo desta semana no centro, e entre as que se inclúe unha nova edición da Noite dos Museos e a súa clásica visita nocturna ao castro.
Na exhibición, de acceso libre, estiveron presentes escolares do CEIP Ramón Falcón, de Castro de Rei; do CEIP Avelino Díaz, de Meira; do colexio de Fingoi, de Lugo, e alumnos de 1º de BAC do IES Universidade Laboral da Coruña.
O Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga desenvolve unha importante labor didáctica e pedagóxica, especialmente ao longo do curso escolar, atendendo visitas de alumnos de colexios lucenses e de fóra da provincia, que reciben in situ información sobre a Galicia castrexa e o seu modo de vida.
A “Noite dos Museos”
As actividades programadas pola consellería para conmemorar o Día internacional dos Museos no Castro de Viladonga continuarán nos vindeiros días. Así, mañá xoves, día 19, está prevista a celebración dun obradoiro gratuíto de cerámica, Barroenvivo, que será impartido polos artesáns Pablo Mazoi e Macu entre as 10,00 e as 14,00 horas.
O vindeiro sábado, día 21, será a xornada que centre a maior parte das actividades do programa, entre as que destaca a “Noite dos Museos” cunha visita nocturna ao castro.
A programación para ese día inclúe tamén demostración de xogos populares a cargo do club de bolos O Cadaval, de Castro de Rei, e o obradoiro de cerámica Barroenvivo, que se ampliará nesta ocasión cunha exhibición de cocedura de pezas de barro.
Así mesmo, actuarán o grupo chairego de música tradicional Os Valouros e os humoristas musicais Cantata Vernácula.